SANTIAGO DE COMPOSTELA, 9 May. (EUROPA PRESS) -
Organizacións ambientais, ONG, entidades do sector pesqueiro e doutros ámbitos, pescadores e armadores da ría de Muros e Noia enviaron unha denuncia formal á Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca, á Dirección Xeral de Medioambiente e á Comisión de Peticións da Comisión Europea sobre "os riscos e impactos ambientais" das gaiolas de salmón atlántico que se pretenden instalar na Ría de Muros e Noia.
Esta denuncia vai acompañada dun documento que mostra a oposición ante a instalación de máis plataformas --a empresa North West Food desenvolve un proxecto experimental na ría dende hai máis dun ano--, por "tódolos prexuízos que pode ocasionar sobre o medio e a economía da rexión", subliña un comunicado remitido aos medios pola asociación de armadores de artes menores de Galicia (Asoar-Armega).
"Dende a instalación da primeira gaiola experimental, todas as entidades que asinan esta denuncia estiveron a informar e denunciando os riscos e impactos ambientais das gaiolas de salmón atlántico que se pretenden instalar na ría de Muros e Noia", relata.
Neste sentido, o comunicado apunta que "todas estas organizacións, xunto co apoio de armadores e mariñeiros, realizaron xa varias mobilizacións e mandaron informes á fiscalía de medioambiente e á Comisión Europea".
"Pero vendo que as posicións da empresa que ten a concesión e as da propia Xunta de Galicia non varían, optouse por mandar unha denuncia formal, que xa foi presentada hai uns meses ao fiscal de medioambiente, pero que agora se transmite ás diferentes Comisións da Unión Europea", resalta.
APOIOS
"Con todo isto pretendemos impedir a experimentación levada a cabo e frear a colocación das gaiolas para o cultivo intensivo, o que provocaría na ría un grande impacto negativo nun ecosistema mariño de grande riqueza ambiental e que serve de medio de vida da maioría das persoas que viven nesta rexión", incide.
A denuncia enviada ás Comisións de Pesca, Medioambiente e á Comisión de Peticións da Unión Europea conta entre outros cos apoios de Oceana, Greenpeace, Ecoloxistas en Acción, Adega, Verdegaia, Salva a Selva, Asoar-Armega, Salvemos Monteferro e de numerosos armadores e mariñeiros que se consideran afectados.