A Deputación de Lugo pide á Xunta que transforme en autovía o corredor Nadela-Sarria tras os últimos accidentes

Actualizado: viernes, 31 octubre 2014 17:48

LUGO, 31 Oct. (EUROPA PRESS) -

Os dous voceiros do goberno provincial da Deputación de Lugo coincidiron este venres en pedir á Xunta que transforme en autovía o corredor Nadela-Sarria, logo dos dous últimos accidentes rexistrados na infraestrutura, que se saldaron con cinco mortos neste mes de outubro.

Así, o vicepresidente, o nacionalista Antonio Veiga, puxo o acento en que os alcaldes dos concellos polos que pasa o corredor están "preocupados", ao tempo que trasladou que hai "estudios que alertan da perigosidade destas vías de alta capacidade".

Neste sentido, non cinguiu a petición para que se desdobre este corredor, senón que demanda da Xunta que faga o mesmo na Mariña coa vía San Cibrao-Ferrol.

Pola súa parte, o voceiro socialista do goberno provincial, Manuel Martínez, foi máis contundente ao deslizar que "a maioría dos accidentes mortais da provincia de Lugo se producen en estradas da Xunta".

Tamén aproveitou para pedir ao Goberno galego e á subdelegación do Goberno en Lugo que "incrementen as medidas de seguridade e o número de efectivos -- de Forzas e Corpos de seguridade do Estado -- no rural lucense".

"Nesta provincia o aumento de efectivos é cero, pero si aumentou o número de roubos con violencia nun 40 por cento e son datos oficiais do Ministerio do Interior. Por iso pedimos que invertan máis recursos e medios nos sistema de seguridade sobre todo na zona rural", concluíu o voceiro socialista.