O descarrilamento dun tren de mercadorías en Arcade obriga a trasladar por estrada uns 140 viaxeiros de Renfe

Actualizado: martes, 15 abril 2014 19:39

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 15 Abr. (EUROPA PRESS) -

O descarrilamento dun tren de mercadorías da empresa Comsa na birfurcación de Arcade da liña Redondela-Pontevedra obrigou a trasladar por estrada uns 140 viaxeiros de Renfe que circulaban en dous ferrocarrís que facían o traxecto Vigo-A Coruña e A Coruña-Vigo.

Fontes da operadora ferroviaria informaron a Europa Press de que no accidente, que se produciu ás 18,15 horas deste martes, ningunha persoa resultou ferida pero "é previsible" que haxa máis viaxeiros afectados posto que o restablecemento da circulación non será posible ata que se retire a mercadoría da vía.

Renfe prevé trasladar os pasaxeiros por estrada e tamén mediante trasbordos e recolocacións noutros trens segundo apuntan as mesmas fontes. Polo momento descoñécese a hora en que se recuperará a normalidade na circulación.