Descende un 4,6% a criminalidade en Galicia

Nota De Prensa Y Foto: Rueda De Prensa Del Balance De Criminalidad De Los Tres P
Foto: EUROPA PRESS/REMITIDO
Actualizado: viernes, 31 octubre 2014 14:58

En cidades como A Coruña os delitos contra o patrimonio aumentaron un 64,7% pola presenza de bandas organizadas

   A CORUÑA, 31 Oct. (EUROPA PRESS) -

   Galicia rexistrou un total de 59.275 delitos e faltas entre xaneiro e setembro deste ano, o que supón un descenso do 4,6% respecto ao mesmo período de 2013, segundo informou o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, quen precisou que esta autonomía rexistra 28,3 infraccións penais por cada mil habitantes.

   En rolda de prensa, acompañada polo xefe superior de Policía de Galicia, Eusebio Fraguas Sánchez, e polo xeneral xefe da XV Zona da Garda Civil en Galicia, José María Feliz Cadenas, Juárez subliñou que esta taxa é inferior á de España, que se sitúa en 44,6 infraccións por mil habitantes.

   Non obstante, admitiu o incremento dos delitos contra o patrimonio na provincia da Coruña, un 16,5%, e, especialmente, na cidade herculina, onde este incremento se situou no 64,7%, un dato que atribuíu á presenza de bandas organizadas.

   Preguntado pola elección, fundamentalmente, desta cidade para cometer os delitos, recoñeceu que descoñecen os motivos. "Habería que preguntalos a eles", dixo tras cifrar nun centenar os roubos cometidos.

   Non obstante, reiterou que "dende que se detectou un repunte nos roubos" a Policía Nacional adoptou "medidas organizativas". A estas, atribuíu as detencións practicadas recentemente. Mentres, confirmou que "se manteñen os reforzos" a pesar da desarticulación da banda", apostilou.

ROUBOS EN DOMICILIOS

   Do balance de criminalidade ata o terceiro trimestre deste ano explicou que a delincuencia violenta "baixa un 10,9%" e, en concreto, dixo que no caso dos asasinatos e homicidios houbo ata agora 12 fronte aos 13 do ano pasado.

   Así mesmo, dixo que "baixan" os delitos contra o patrimonio, aínda que admitiu "a preocupación" polos roubos con forza en domicilios. Con todo, apuntou que estes delitos "se"reducen un 8,8%" no conxunto de Galicia.

   Agás na cidade da Coruña, subliñou que este tipo de delincuencia descende nas demais cidades, aínda que "cun comportamento desigual", indicou. En concreto, asegurou que en Ferrol baixou un 32%, en Santiago un 28%, en Lugo un 38% e en Pontevedra un 49%. Pola contra en Vigo, descendeu un 4,7%.

MENOS INFRACCIÓNS PENAIS

   O delegado do Goberno en Galicia destacou tamén que os furtos descenden un 7,49%, mentres que os vinculados co tráfico de drogas o fan un 3,2%. Por outra banda, mentres que os delitos diminúen un 7,7%, as faltas fano un 1,8%. Juárez destacou tamén o "nivel de infraccións penais esclarecidas", que se situou no 52,7%.

   Por provincias, prosegue, segundo o Ministerio do Interior, o descenso no cómputo total de delitos e faltas no terceiro trimestre do ano: A Coruña (-0,6%); Lugo (-4,6%), Ourense (-13,1%) e Pontevedra (-6,1%).

   Na provincia da Coruña, as infraccións penais (delitos e faltas) baixan, aínda que na cidade herculina soben un 1,8% e en Santiago un 4,8%, fronte ao descenso do 1,2% en Ferrol.

   Na provincia de Lugo, tamén diminúen, ao igual que na cidade de Lugo, que baixa un 0,3%. O mesmo acontece na de Ourense, cun descenso do 8,7% na súa cidade. Na cidade de Pontevedra, descenden un 4,6% e na de Vigo un 5%.