Desmantelada unha banda que concertou máis de 600 matrimonios de conveniencia con nixerianos, algúns en Ourense e Lugo

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 21 noviembre 2008 15:52

A Policía desarticula tamén unha organización que organizaba enlaces fraudulentos entre cidadáns paquistanís

MADRID/SANTIAGO, 21 Nov. (EUROPA PRESS) -

Axentes da Policía Nacional desarticularon unha organización acusada de concertar máis de 600 matrimonios de conveniencia entre cidadáns nixerianos e españois ou comunitarios, algúns deles nas provincias galegas de Lugo e Ourense. Dende o inicio das investigacións hai 67 detidos, ningún en Galicia, dos que 18 foron arrestados na fase final do operativo, localizada en Elche e Alicante.

Segundo informou a Policía nun comunicado, 15 dos detidos son de nacionalidade española e o resto nixerianos, e entre eles figuran os dous máximos responsables da rede. Ao parecer, o grupo falsificaba a documentación dos expedientes matrimoniais para favorecer a entrada e permanencia ilegal de cidadáns estranxeiros en España, aos cales cobraba 15.000 euros. Desta cantidade, 3.000 euros ían parar o contrayente español ou comunitario.

Segundo os investigadores, este grupo foi un dos máis activos neste tipo de delito e organizara enlaces fraudulentos en numerosas provincias do territorio nacional, principalmente en Alicante, Palma de Mallorca, León, Murcia, Canarias, Ourense, Lugo, Ávila, Barcelona ou Madrid.

FALSOS CURSOS PREMATRIMONIAIS

A operación iniciouse o pasado xuño, cando funcionarios da UCRIF de Palma de Mallorca detectaron un considerable aumento nas presentacións de solicitudes de residencia de cidadáns nixerianos, que se acollían ao Réxime Comunitario, alegando estar casados con cidadáns españois ou procedentes do resto de países a Unión Europea.

Todos eles celebraron os seus matrimonios na igrexa de San Francisco, da cidade de Palma de Mallorca, e presentaron un certificado falso dun curso prematrimonial realizado nunha igrexa de Alcalá de Henares (Madrid).

As pescudas lograron identificar e localizar en Alicante unha persoa que participaba na organización dos matrimonios. Deseguido, os axentes procederon a deter persoas de nacionalidade española e nixeriana, que presuntamente falsificarían documentos e celebrarían este tipo de vodas.

Tras eles, a Policía identificou, noutras localidades, outros matrimonios fraudulentos celebrados entre cidadáns nixerianos e españois. Segundo as investigacións, presentaban os mesmos documentos falsos, sobre todo os relacionados cos cursos prematrimoniais da igrexa de Alcalá de Henares e coas partidas de bautismo asinadas por un cura de Nixeria. Os axentes contactaron coa arquidiocese da cidade nixeriana de Benin City e comprobaron que o sacerdote non existía.

ALGÚNS CONTRAYENTES CASARON VARIAS VECES

O 'modus operandi' da organización consistía en captar, tanto en Nixeria coma en España, posibles clientes nixerianos en situación irregular ou que quixesen entrar en España. Despois, buscaba a españois ou dalgún dos países da UE dispostos a contraer matrimonio.

Dos 15.000 euros que cobraba, uns 12.000 ían destinados ao organizador, que se encargaba de pagar os gastos cerimoniais e as roupas utilizadas; e o resto do diñeiro dirixíase ao contrayente español. Nos gastos estaban incluídos todos os certificados de nacemento, de idade, soltería ou os cursos prematrimoniais.

Nas ocasións nas que os candidatos non desexaban contraer matrimonio nas igrexas, o grupo buscaba outros que, a cambio de preto de 300 euros, casaban coa documentación dos primeiros candidatos. De feito, os axentes identificaron e localizaron persoas que casaran en tres ou catro ocasións, para o que empregaban cada vez unha documentación distinta.

A organización movíase por toda España en busca daquelas parroquias que esixían menores requisitos e en localidades pequenas onde o control era menor. Ademais, se o contrayente facilitaba novos candidatos recibía ata 500 euros, co que o grupo estaba en continua expansión.

En canto aos detidos, 15 han sido arrestados en Palma de Mallorca, catro en Alicante, cinco en Ávila, catro en Madrid e oito en Oviedo. A estes arrestos hai que sumar os 18 realizados na última fase do dispositivo en Alicante e Elche. Outras dez persoas máis foron detidas por estanza irregular.

A investigación foi realizada pola Unidade Central contra as Redes de Inmigración e Falsidades Documentais (UCRIF), en colaboración coas UCRIF de Alicante, Palma de Mallorca e Madrid, e as Brigadas Provinciais de Estranxeiría e Documentación de Oviedo e Ávila. Ademais, cooperaron axentes de Murcia, Málaga, Barcelona, e Lugo, cidades onde se celebraron vodas fraudulentas ou se presentaron solicitudes de permisos de residencia.

DESARTICULADO OUTRO GRUPO PAQUISTANÍ

Ademais, a Policía Nacional desarticulou outro grupo que tamén favorecía a inmigración ilegal mediante matrimonios de conveniencia. Esta vez, de orixe paquistaní e asentada en Valencia, explotaba laboralmente, nos sectores da agricultura ou hostalaría, aos compatriotas.

A investigación, iniciada en xullo do ano pasado, saldouse coa detención de 24 persoas, 18 delas acusadas de delitos relacionados cos dereitos dos traballadores e dos cidadáns estranxeiros, falsificación de documentos; e outros seis individuos por infracción á Lei de estranxeiría.

A banda promovía a inmigración ilegal de cidadáns paquistanís con pasaportes falsificados de Sudáfrica, utilizando para iso terceiros países como Suíza, Turquía ou Emiratos Árabes. Unha vez en España, intentaba regularizar a situación dos seus clientes a través de matrimonios de conveniencia con mulleres portuguesas, para tramitar despois autorizacións de residencia de familiar comunitario.

Ao mesmo tempo, explotaba os inmigrantes en diferentes actividades labores, xeralmente en negocios próximos aos membros da organización e en sectores como a agricultura ou a hostalaría. Mentres, facilitaba aos estranxeiros tarxetas de autorización de traballo e residencia de terceiras persoas, usurpando o estado civil destas, ou a súa falsificación.

As detencións tiveron lugar cando membros da organización trasladaban un grupo de paquistanís dende Valencia a diferentes puntos da provincia, para a recollida de froita. Finalmente, os axentes rexistraron un domicilio de Valencia, incautándose de diversa documentación e pasaportes falsificados.

Contenido patrocinado