Deteñen en Vigo un home por agredir a súa muller e ameazala con estrangulala e matala

Europa Press Galicia
Actualizado: jueves, 21 enero 2010 11:25

VIGO 21 Ene. (EUROPA PRESS) -

Efectivos da Policía Local de Vigo detiveron nas últimas horas a un home de 49 anos de idade, natural de Lugo aínda que veciño da cidade olívica, como presunto autor dun delito de violencia contra a muller, por agredir a súa esposa e, supostamente, ameazala dicíndolle que a ía estrangular e matar.

Segundo informaron hoxe as forzas de seguridade, sobre as 20.55 horas de onte unha patrulla acudiu á zona do Meixoeiro ao ser informada dunha agresión dun home á súa muller. Xa no lugar, o individuo, de iniciais J.M.P.N., explicou aos axentes que se producira unha discusión familiar sen consecuencias.

Non obstante, mentres se producía esta entrevista, a filla do matrimonio, menor de idade, dixo á Policía Local que o seu pai "pegara" a súa nai e que ela mesma chamara ás forzas de seguridade.

Nunha posterior entrevista coa vítima, os efectivos policiais observaron que tiña o pómulo dereito vermello. Ela mesma lles manifestou que, durante a discusión, o seu esposo chegou a agarrala, ameazándoa con matala e estrangulala.

Por iso, procedeuse á detención de J.M.P.N., natural de Lugo e veciño de Vigo, de 49 anos de idade.

Contenido patrocinado