A DGT inicia este luns unha campaña de vixiancia nas vías convencionais de Galicia

Tramos de la carretera con la señal de velocidad en Mos (Pontevedra)
GUARDIA CIVIL
Actualizado: lunes, 20 octubre 2014 8:07

Na campaña do ano pasado foron controlados 46.170 vehículos e 1.718 foron obxecto de denuncia

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 Oct. (EUROPA PRESS) -

A Dirección Xeral de Tráfico (DGT) inicia este luns unha nova campaña especial de vixiancia das estradas convencionais coordinada polos xefes provinciais e os xefes dos subsectores das catro provincias.

En concreto, esta campaña, que comeza este luns, durará toda a semana, ata o próximo domingo 26, segundo indicou a Delegación do Goberno en Galicia nun comunicado.

E é que un dos "obxectivos prioritarios" na estratexia vial da DGT é, segundo precisou a Delegación do Goberno en Galicia, "mellorar a seguridade vial" e conseguir "comportamentos máis seguros" nas estradas convencionais.

De feito --segundo as cifras que analiza a DGT en torno á sinestralidade viaria no territorio nacional--, no ano 2013, o 42 por cento dos accidentes de tráfico con vítimas rexistráronse nas vías interurbanas e, nelas, producíronse o 73 por cento das vítimas mortais.

Os controis desta nova campaña queren incidir, segundo sinalou a Delegación do Goberno en Galicia, na "potenciación" do "efecto pedagóxico, establecendo un "variado control do tipo de infraccións".

Por iso, a Delegación do Goberno en Galicia indicou que tanto os paneis de sinalización variable como as pantallas alfanuméricas do vehículo da agrupación de tráfico da Garda Civil nas inmediacións advertirán aos condutores "sempre que sexa posible" da existencia próxima de controis.

FACTORES QUE INCIDEN EN ACCIDENTES

Segundo os datos estatísticos da DGT, catro son os factores que "máis inciden" nos accidentes: o "exceso de velocidade", o "consumo de alcohol e drogas", "non usar o cinto de seguridade" e as "distraccións".

Deste modo, os axentes da Garda Civil vixiarán, ademais da "velocidade", os "adiantamentos indebidos", a "ingesta de alcohol ou drogas", o "uso do casco" e de "sistemas de retención" e a "utilización do teléfono móbil durante a condución".

Tamén porán atención no uso de "auriculares", "manipulación de navegadores" e, en xeral, a "calquera infracción da normativa vixente en materia de circulación vial".

CAMPAÑA ANTERIOR

Como resultado da última campaña específica de vixilancia de vías convencionais en Galicia, desenvolvida do 21 ao 27 de outubro de 2013, controláronse, segundo precisou a Delegación do Goberno en Galicia, 46.170 vehículos e 1.718 foron obxecto de denuncia.

De entre as denuncias que máis incidencia tiveron para a seguridade vial, destaca o "exceso de velocidade" (978 denuncias), seguida pola "ausencia de cinto de seguridade e doutros sistemas de retención" (144) e o "consumo excesivo de alcohol" (121).