O director da CRTVG di que non ten relación con Telemiño dende hai 6 anos, pero está disposto a ir a Cámara

Alfonso Sánchez Izquierdo
EUROPA PRESS
Actualizado: viernes, 21 noviembre 2014 19:24

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 21 Nov. (EUROPA PRESS) -

O director da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG), Alfonso Sánchez Izquierdo, púxose a disposición do Parlamento de Galicia para achegar a información que lle soliciten, pero aclarou que a súa relación profesional con Telemiño "finalizou formalmente o 23 de xullo de 2008".

"E a relación funcional xa o fixera varios meses antes", agrega nun comunicado remitido a raíz de que os grupos parlamentarios de AGE e o BNG rexistrasen unha petición conxunta para que compareza Sánchez Izquierdo, co fin de que "aclare o seu papel" na suposta "trama de financiamento irregular do PP de Ourense", no marco da 'Operación Pokémon'.

"O Parlamento poderá contar coas miñas explicacións no momento en que se soliciten, pero debo avanzar que sería imposible dar conta, como se pretende, do meu papel en Telemiño entre 2007 e 2009", apunta en relación ao intervalo temporal sobre o que pediu explicacións a parlamentaria do BNG Montse Prado.

En calquera caso, Sánchez Izquierdo apunta que está a disposición do que determine a Cámara e sobre Telemiño se remite ao comunicado publicado pola empresa, no cal se asegura que "xamais" participou "en ningunha operación de financiamento de partido ningún" nin emitiu facturas falsas a persoa física ou xurídica ningunha.