Dixitalizan as publicacións dos últimos congresos de Cunqueiro e Rosalía para a súa lectura en calquera dispositivo

Un usuario maneja el tablet PC de Apple iPad
Reuters
Actualizado: viernes, 27 febrero 2015 15:24

O contido adáptase ao aparato e ao tipo de pantalla para permitir a súa "cómoda" lectura en teléfonos, ordenadores ou tablets

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 27 Feb. (EUROPA PRESS) -

O novo formato de edición dixital do Consello da Cultura Galega permitirá a consulta das súas publicacións dende calquera dispositivo electrónico de modo que o contido se adapte ás características do aparato e ao tipo de pantalla, sexan teléfonos móbiles, ordenadores ou tablets. As primeiras serán as actas dos congresos sobre Álvaro Cunqueiro e Rosalía de Castro celebrados en 2011 e 2013, respectivamente.

O profesor Manuel Gago explicou en rolda de prensa que se trata dun paso máis no proceso iniciado pola institución en 1998 co inicio da exploración das posibilidades de Internet, que levou á creación da biblioteca dixital no 2000 e con iso a un "cambio de concepción" sobre as publicacións do consello.

Actualmente, ademais de decenas de artigos e contido textual, a mediateca do consello ofrece máis de 650 horas de material visual e máis de 1.000 de audio, transformándose nunha "base de datos do coñecemento" da historia cultural.

Este novo paso, proseguiu Gago, busca aproveitar o "florecemento de dispositivos" que permiten consumir produtos de moitas formas diferentes. Deste modo, será o propio libro dixital que recoñeza "o dispositivo no que se reproduce" e adaptará os contidos, a resolución, o tipo ou o tamaño das letras ás características da pantalla e ao aparato.

Ademais, cada achega individual das actas de ambos os dous congresos inclúe un código identificativo de rexistro, un DOI (inclúese nun rexistro global de publicacións científicas e académicas), que permite "avaliar" o número de mencións e citacións académicas en formato dixital, o que supón "un paso de xigante", dado que "ata agora era difícil medilo".

Esta iniciativa permite coñecer canta xente chega cada un dos artigos de forma específica" grazas a medidores de audiencia, para así "calibrar tanto o impacto académico" como no público xeral.

A coordinadora da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do conselo, Dolores Vilavedra, destacou ao respecto que se trata "dun día moi importante para o coñecemento" sobre a cultura galega e sobre Cunqueiro e Rosalía, a través desta ferramenta que permitirá a difusión e coñecemento "permanente" e "aberto" para o debate na sociedade.

"NOVA CULTURA"

Sobre o contido das publicacións en si, Manuel Forcadela da Universidade de Vigo explicou que o congreso sobre a figura de Cunqueiro de 2011 buscaba un "salto cualitativo" sobre o autor, combinando os traballos e lecturas "máis convencionais" e tradicionais xunto con aqueles que trataban de reler o escritor "dende unha perspectiva máis novidosa".

"Cada xeración ten a obriga de reler a cultura, e ao facelo está a producir nova cultura", insistiu, destacando que os traballos presentados durante o evento forman parte xa do "tesouro patrimonial" galego sobre unha figura "extraordinariamente singular" que veu "da man" de rexurdir da literatura.

O congreso de Rosalía, non obstante, celebrouse con motivo do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos. Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía, considerou que supuxo "un fito" e "un salto enorme na investigación académica", que "catalizou todo o que se viña facendo" xunto coas "voces máis representativas" nos estudios da autora.

Neste sentido, Rosario Álvarez, vicepresidente do Consello da Cultura, destacou que ese evento supuxo "unha nova mirada" respecto ao Congreso de 1985 e que "a maior parte das contribucións" foron por parte daqueles "que tomaron o relevo" daqueles participantes.

Finalmente, o presidente do CCG, Ramón Villares, quixo incidir en que se trata do produto dun "traballo colectivo" e "un mérito" desa "comunidade ou República das letra", que permitirá "un novo salto na metodoloxía de difusión" das iniciativas e publicacións do conselo.