Dous pontevedreses deixan as súas herdanzas á Deputación, unha delas con "contías importantes" en preferentes

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 24 mayo 2013 19:53

PONTEVEDRA 24 May. (EUROPA PRESS) -

A Deputación de Pontevedra recibirá parte da herdanza de dous pontevedreses falecidos, segundo adiantou este venres en rolda de prensa o presidente da institución, Rafael Louzán.

Estes benfeitores nomearon a Deputación xunto co Museo de Pontevedra, como beneficiarios dunha serie de inmobles, obras de arte ou "contías económicas importantes".

Os servizos xurídicos do organismo provincial están a elaborar os seus informes para determinar o estado dos bens legados "porque aparentemente ese diñeiro está suxeito a produtos híbridos" dixo Rafael Louzán.

Polo menos unha parte do diñeiro legado, polo menos nunha destas herdanzas, está atrapado en preferentes e participacións subordinadas. Por este motivo Louzán mostrouse cauteloso e non quixo detallar o contido exacto dos bens cedidos.

"Estamos a elaborar un informe e pedimos información ao rexistro e ao banco", explicou Louzán insistindo en que os testamentos son "trapalleiros" por todas esas cuestións e coñeceranse na súa integridade nos próximos días.

A Deputación e o Museo serán beneficiarios, en canto se reciba a herdanza, de "inmobles, diñeiro, pisos e algunhas obras de arte", destacando a existencia de "vaixelas de certo valor". Compartirán estas herdanzas "coa parte da familia que existe" de ambos os dous pontevedreses, entre os que citou os seus sobriños. Unha destas herdanzas ten un montante global de 3,5 millóns de euros, a repartir entre os seus familiares e a Deputación.

O presidente da Deputación quixo ademais "resaltar e agradecer" que persoas "de forma altruísta" pensen no organismo provincial como destinatario dos seus bens e dos seus inmobles. Seguen o exemplo, din, de "moitos cidadáns que no pasado, no presente e seguro que no futuro legan á Deputación e ao Museo, e polo tanto a todos os pontevedreses, unha parte importante dos seus bens".

Contenido patrocinado