A economía galega crece un 0,5% no primeiro trimestre

Billetes de 100 euros.
Foto: REUTERS
Actualizado: jueves, 28 mayo 2015 11:17
av2" class="NormalTextoNoticia" itemprop="articleBody">

O PIB da comunidade encadea cinco incrementos interanuais ao subir un 0,9% e non cae en taxa intertrimestral dende principios de 2013

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 28 May. (EUROPA PRESS) -

   O Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia creceu un 0,5% no primeiro trimestre de 2015 en relación co último trimestre de 2014, case a metade do incremento experimentado polo conxunto da economía española (+0,9%).

   Mentres, se a comparación se realiza cos tres primeiros meses do pasado ano, o PIB galego subiu un 0,9%, fronte ao 2,7% da media das comunidades autónomas.

   O Instituto Galego de Estadística (IGE) publicou este xoves os datos relativos ás contas económicas trimestrais correspondentes ao período que vai de xaneiro a marzo de 2015.

   Ao respecto, a Consellería de Facenda destacou nun comunicado de prensa --emitido a primeira hora do día-- que a economía da comunidade rexistra con estas cifras "o seu mellor comportamento dende 2007", antes do inicio da crise.

EVOLUCIÓN

   O incremento intertrimestral do PIB da comunidade galega é o segundo consecutivo, dende que no terceiro trimestre de 2014 se mantivese sen variación (0,0%) respecto ao segundo.

   Non obstante, previamente anotouse taxas positivas --aínda que non superiores ao +0,3%-- dende o segundo trimestre de 2013 --cando tamén quedou no 0,0%--. O primeiro trimestre dese ano apuntouse a súa última baixada intertrimestral, do -0,3%.

   No cuarto trimestre do exercicio pasado, o PIB da comunidade só subira unha décima en taxa intertrimestral, e pechou o ano cun aumento do 0,4% respecto a 2013.

   Así as cousas, o aumento dun trimestre a outro "multiplícase por cinco", como resalta o departamento da Xunta responsable das contas da comunidade.

   En canto á suba do PIB en variación interanual, é a quinta seguida que experimenta a comunidade autónoma, e foi do 0,9% fronte a ese 0,4% do cuarto trimestre, a consellería subliña que se sitúa "no nivel máis alto dende mediados de 2010".

O EMPREGO CRECE UN 1,5% INTERANUAL

   No primeiro trimestre, o emprego creceu un 1,5% en relación co mesmo período do ano anterior, e o incremento produciuse en todos os sectores salvo no primario (agricultura, gandaría, silvicultura e pesca), onde baixou un 4,2%.

   Así, o número de postos de traballo repuntou un 0,9% na industria, un 4% na construción e un 1,9% nos servizos (con comportamentos desiguais, que foron negativos para información e comunicacións, do -2,4%; para actividades financeiras e de seguros, do -3,9%; e para actividades artísticas, recreativas e outros servizos, do -1,3%). Mentres, na rama de servizos non de mercado, a ocupación aumentou dúas décimas.

SOBE O CONSUMO INTERNO

   "Constátase a mellora progresiva do consumo interno, sostida no aumento do gasto dos fogares, que creceu un 1,3% en termos interanuais,", chama a atención o departamento de Valeriano Martínez. Este gasto dos fogares repuntó unicamente tres décimas dende o trimestre anterior.

   Esta mellora "progresiva", Facenda atribúea tamén ao gasto público das administracións, que subiu un 1,8% en taxa interanual, aínda que se mantivo sen variación en relación cos tres últimos meses de 2014.

   De acordo coa análise do Goberno galego, "mellora notablemente" tamén a formación bruta de capital (+5,1% interanual, +1,7% intertrimestral) , e as exportacións de bens e servizos mantéñense estables" (0,0% interanual e 0,7% intertrimestral).

CRECE UN 2% A CONSTRUCIÓN

   Por sectores, ata marzo agricultura, silvicultura, gandaría e pesca baixan un 0,9%, fronte ao incremento de sete décimas rexistrado no cuarto trimestre do pasado ano. É, así, o seu primeiro descenso interanual dende o terceiro trimestre de 2013.

   Fronte a esta evolución negativa, a actividade da construción experimentou un crecemento do 2% en comparación cos tres primeiros meses do exercicio pasado (subiu un 0,9% interanual no anterior trimestre).

   O sector servizos aumenta un 1,3% (unha décima menos que no trimestre anterior) e rexistra repuntes superiores ao 2% no ámbito do comercio, transporte e hostalaría, aínda que baixa un 3,5% en actividades financeiras e de seguros.

   Pola súa banda, a industria "segue mostrando unha mellor evolución", segundo chama a atención a consellería, "en liña co que mostran outros indicadores como o índice de produción industrial".

   Así, a evolución interanual da industria mellora en 1,5 puntos, pero segue diminuíndo, en concreto un -0,4%, e non contabiliza valores positivos en variación interanual dende o cuarto trimestre de 2013. A industria manufectureira, con todo, "xa ten valores positivos" neste primeiro trimestre do 2015, do 1,1%, segundo puntualiza a Xunta.

DATOS ESTATAIS

   Para o conxunto estatal, o INE explicou que a aceleración na variación interanual do PIB é consecuencia dunha maior achega da demanda nacional (3 puntos fronte a 2,7 puntos no trimestre anterior) e dunha menor achega negativa da demanda externa (-0,3 puntos fronte a -0,7).

   Co repunte trimestral do PIB entre xaneiro e marzo encadéanse xa sete trimestres de avances, mentres que a taxa interanual acumula seis trimestres en positivo.