Educación presenta o primeiro protocolo español contra o acoso escolar que inclúe tamén e ciberacoso

Garante que non transcorran máis de 12 días dende que se detecta un posible caso ata que se resolve o expediente

Protocolo contra el acoso escolar de Galicia
EUROPA PRESS
Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 22 mayo 2013 16:30

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 May. (EUROPA PRESS) -

O conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez, presentou este mércores ante a comunidade educativa o protocolo xeral de prevención, detección e tratamento das situacións de acoso escolar, o primeiro en España que inclúe ademais o ciberacoso.

Segundo explicou Jesús Vázquez, este protocolo permitirá que "se faga máis efectivo o principio de protección á vítima" e servirá como "ferramenta fundamental" na protección do alumnado fronte a situacións de violencia, facilitando unha "atención e identificación temperá".

Ao existir un protocolo estandarizado, sinalou Vázquez, "garántese que non transcorran máis de 12 días dende que se detecta a posibilidade de que exista un caso de acoso escolar ata que se confirma, se instrúe e se resolve o expediente".

Tanto o documento como os anexos que o acompañan intentan "facilitar e axilizar" a posta en práctica de mecanismos para detectar situacións de acoso, recollendo estratexias de prevención e de actuación, así como a lexislación relacionada.

Aínda que recoñeceu que o acoso escolar é un tema que "preocupa" á Administración, Jesús Vázquez sinalou que en Galicia se trata dunha problemática "incidental". "Non podemos falar dun mal xeneralizado, nin que en Galicia sexa preocupante con respecto a outras comunidades", sentenciou.

O conselleiro recordou que o protocolo presentado este mércores dá continuidade á lei de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa e anunciou que "proximamente" se publicará un decreto para desenvolver esta normativa, así como outros recursos para o asesoramento na elaboración de plans de convivencia en cada centro educativo.

FASES NO PROTOCOLO

O protocolo contra o acoso escolar establece catro fases diferenciadas para o tratamento dos conflitos, que pasan polo coñecemento, a identificación e comunicación da situación; a recollida e rexistro de información; a análise da información e a adopción de medidas; e o seguimento e avaliación das medidas adoptadas.

Neste sentido, establécese, por exemplo, que a persoa que ocupa a dirección do centro deberá ter sempre coñecemento da situación, a identificación da cal deberá recollerse por escrito e sempre baixo a máxima confidencialidade e discreción.

Na primeira fase indícanse, ademais, as medidas urxentes de protección á presunta vítima que se poderán tomar, indicacións para a comunicación ás familias dos alumnos implicados e profesionais educativos e axentes externos que poderían participar no proceso. Establécese tamén a posibilidade de designar unha persoa responsable de atender e apoiar a vítima.

En canto á recollida de información, o protocolo ofrece aos profesores unhas pautas para o rexistro e levantamento da acta das entrevistas que realicen tanto ao alumnado coma ás familias implicadas. Terán a posibilidade de solicitar asesoramento ou apoio técnico para esta cuestión.

No terceiro punto ofrécese información sobre os diferentes expedientes disciplinarios que se poderán abrir en caso de estar ante unha situación de acoso constatada, as fases de cada un, os responsables de desenvolvelo, as persoas ás que debe ser comunicada a incoación do expediente e a normativa relativa a este. Ademais, establécense exemplos das medidas que se poderán adoptar antes e despois da resolución, tanto para a protección da vítima coma para a reeducación do agresor.

Por último, deséñase o seguimento da situación, que quedará a cargo da persoa directora ou daquela na que delegue esta competencia.

Contenido patrocinado