Emerxencias atende un total de 76 accidentes de tráfico nunha xornada marcada polas chuvias

Actualizado: martes, 26 agosto 2014 20:35

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 Ago. (EUROPA PRESS) -

O Centro de Atención ás Emerxencias (CAE) 112 Galicia atendeu este martes, ata as 18,00 horas, un total de 76 accidentes de tráfico acontecidos durante esta xornada, que estivo marcada polas persistentes chuvias na Comunidade galega.

Dos 76 accidentes de tráfico nos que interveu Emerxencias, 44 foron sen feridos, 30 con feridos e dous con feridos e falecidos que, ademais, precisaron da intervención dos equipos de excarceración.

O máis grave dos sinistros rexistrados durante esta xornada aconteceu en Xermade (Lugo), onde un veciño de Xove de 47 anos de idade perdeu a vida tras sairse da calzada o turismo que conducía. A vítima mortal tivo que ser liberada polos efectivos do parque comarcal de Vilalba, pero nada puido facerse pola súa vida.

Por outra banda, en Begonte, en torno ás 14,00 horas, outro condutor tivo que ser rescatado por un equipo de excarceración, tamén do parque comarcal de Vilalba, tras quedar atrapado no interior dun coche que se saíu da vía e quedou envorcado sobre un lateral. Neste caso, o condutor foi atendido polos servizos sanitarios de urxencia, pero o seu estado non revestía gravidade.

Ademais, na Pontenova, ás 17,30 horas, un vehículo saíuse da vía e precipitouse por un terraplén na parroquia de Vilaoudriz. Malia o aparatoso do impacto, o ocupante puido saír polos seus propios medios.

Por último, en Vigo, na AP-9, quilómetro 152, en sentido norte, un tráiler quedou atravesado no medio da vía, polo que a circulación quedou interrompida, pero non se rexistraron feridos.