Emigración reivindica a súa "boa fe" e insiste na "situación de precariedade" da suposta axente electoral do PSdeG

Recoñece que estas axudas teñen "un carácter pouco encorsetado" e anuncia que se dará "maior transparencia" ao convenio con Iberia

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 23 mayo 2008 20:06

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 May. (EUROPA PRESS) -

O secretario xeral de Emigración, Manuel Luis Rodríguez, reivindicou hoxe a súa "boa fe" no caso da suposta axente electoral do PSdeG e insistiu en que "ninguén dubida da situación de precariedade" de María Isabel Blanco, "razóns humanitarias" que aduciu para xustificar que o seu departamento lle facilitase un billete de avión para viaxar a Bos Aires (Arxentina) nun período que coincidiu coa precampaña electoral das pasadas municipais.

Durante a súa intervención na comisión de investigación aberta no Parlamento acerca desta cuestión, Manuel Luis Rodríguez asegurou que foi el quen tomou a "decisión última" que resolveu outorgar a viaxe a Branco, en virtude dun convenio coa compañía aérea Iberia, e negou que fose unha "decisión partidaria".

"Nego a maior", replicou ás acusacións dos populares, e explicou que decidiu autorizar a concesión deste billete despois de que a deputada socialista Marisol Soneira llelo pedise aducindo tamén as dificultades económicas de María Isabel Blanco. "Eu confío na palabra de Soneira como na de calquera deputado", dixo, aínda que recoñeceu que puido "cometer exceso de boa fe".

En todo caso, expuxo que a documentación da que dispoñía o seu departamento xustificaba "unha situación familiar precaria". A xeito de proba, referiuse a unha viaxe que Emigración outorgou a unha das irmás de María Isabel Blanco, Carmen, para ver a súa nai polas "mesmas razóns humanitarias".

NINGUNHA VINCULACIÓN POLÍTICA.

O secretario xeral de Emigración restou importancia ao feito de que haxa un desfase de 14 días entre a viaxe de María Isabel Blanco a Arxentina e o de regreso da súa irmá a este país dende España, malia que o motivo da viaxe da primeira era para reunirse coa segunda. Ao respecto, explicou que as datas da viaxe "non as decide a Xunta, senón o interesado" e aduciu que o seu departamento supuxo que María Isabel Blanco ía visitar outra das súas irmás, Manuela.

Por todo iso, negou "vinculación política de ningún tipo" e "contacto directo" de Emigración con Branco. Ademais, subliñou que a concesión do billete de avión non se pagou con fondos públicos posto que o convenio entre a Administración autonómica e Iberia non compromete o desembolso de diñeiro por parte da Xunta.

Ademais, explicou que non hai un fin específico para outorgar este tipo de viaxes pero si criterios priorizados, como razóns de carácter socio-sanitario, viaxes para persoal da Secretaría Xeral ou desprazamentos de carácter cultural e representativo.

MELLORA DO CONVENIO.

No entanto, aínda que insistiu en que "nunca" se concederon de forma "arbitraria", recoñeceu que este tipo de axudas teñen "un carácter áxil e pouco encorsetado". Nesta liña, indicou que o seu departamento traballa para mellorar a xestión do convenio con Iberia co fin de garantir a "transparencia" e dar "certeza absoluta" sobre os criterios e sobre o procedemento utilizado.

Tras asegurar que "todos os responsables políticos deben asumir a responsabilidade dos seus actos", trasladou a súa "apreciación persoal" de que o caso da suposta axente electoral do PSdeG é "unha montaxe" e, nesa liña, se dirixiu aos populares. "Chegarán ao Amazonas pero non atoparán o dourado. Non a custa deste secretario xeral", sentenciou.

Fronte a iso, o deputado popular Antonio Rodríguez Miranda prognosticou que o secretario xeral de Emigración será cesado porque outros dos "implicados" neste caso "son de caza maior". En concreto, aludiu ao conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, a quen se referiu como o "gran sherif".

UN FREGADO.

Ademais, preguntou a Rodríguez se "retirará a palabra" a Soneira posto que, dixo, "ela sabía que María Isabel estaba a traballar" cando viaxou a Bos Aires, polo que, concluíu, "non había razóns humanitarias de ningún tipo". "En miúdo fregado o meteron", chanceou Rodríguez Miranda.

Pola súa banda, o deputado socialista Xaquín Fernández Leiceaga considerou que o procedemento para outorgarlle o billete de avión "non foi excepcional" e insistiu en que está demostrado que "non hai trama do PSOE, senón unha montaxe do PP".

Finalmente, o deputado do BNG Iago Tabarés reprochou a Emigración que siga "a inercia da regulación do pasado" e, fronte a iso, insistiu na necesidade de establecer "criterios con claridade" para poder beneficiarse do convenio da Xunta e Iberia.

Contenido patrocinado