Ence ameaza aos traballadores da limpeza co despedimento se secundan a folga, segundo os sindicatos

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 18 noviembre 2008 20:40

PONTEVEDRA 18 Nov. (EUROPA PRESS) -

Un piquete integrado por traballadores e delegados dos sindicatos CC.OO., UGT e CIG, convocantes da folga indefinida que se leva a cabo no sector de limpeza de locais da provincia de Pontevedra, bloquearon hoxe a entrada á factoría de Ence na cidade do Lérez.

"O subdirector de ENCE ameazou aos traballadores con despedilos se secundaban a folga, e por iso hoxe mandáronos vir ás seis da mañá cando a súa hora de entrada son as sete" explicou Miguel Angel Vilacoba, de CC.OO.

Esa foi a razón que lles levou a protestar por esta actuación, cunha concentración que mantiveron durante un par de horas ás portas da factoría situada en Lourizán.

"Parécenos ir en contra do dereito dos traballadores á folga" insistiu Vilacoba, quen tamén informou da denuncia que os sindicatos interpuxeron no Xulgado de Garda, contra a empresa que se ocupa da limpeza no penal da Lama.

"Esta empresa utilizou traballadores que levou de Pontevedra para cubrir as baixas dos traballadores en folga, e isto tamén é unha vulneración do dereito á folga", explicou Vilacoba respecto á denuncia que, subsidiariamente, interpuxeron tamén contra Institucións Penitenciarias.

Os sindicatos indicaron que, de momento, "só un sector da patronal fixo algún xesto para dialogar", ante o cal aseguraron que "a folga non pode rematar se a maioría de empresarios se negan a negociar". "Non nos deixan outra saída máis que a folga" insistiu Miguel Ángel Vilacoba.

Contenido patrocinado