Endesa culmina o lago artificial de As Pontes que terá usos de turismo e que pode albergar proxectos enerxéticos

Finaliza a enchedura de auga da antiga mina de lignito e créase o maior lago de España con 18 quilómetros de perímetro

Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 16 mayo 2012 19:54

FERROL, 16 May. (EUROPA PRESS) -

O lago artificial do municipio de As Pontes (A Coruña) co que se cubriu o oco da antiga mina de lignito explotada pola empresa Endesa na localidade poderá ser utilizado como foco de atracción de turismo ambiental, paisaxístico e náutico aínda que a compañía tamén estuda o seu aproveitamento enerxético.

O lago artificial foi inaugurado de forma oficial este mércores nun acto presidido polo titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o máximo responsable de Endesa, Borja Prado, acompañados dos conselleiros de Industria e Medio, Javier Guerra e Agustín Hernández respectivamente. Desprazáronse á praia artificial coa que conta o lago e na que se colocou un monolito que reflicte que o proceso que arrancou en 2008 se finalizou o 18 de abril de 2012.

O lago artificial, "o maior de España e un dos maiores de Europa", segundo sinalou Alberto Núñez Feijóo, conta con 547 hectómetros cúbicos de auga, en torno a un 63% procedente do río Eume. Ten un perímetro de 17,5 quilómetros, 5 quilómetros de longo, 2,2 de ancho, 865 hectáreas e unha lámina de auga que é equiparable á de toda a cidade de A Coruña. A súa profundidade alcanza os 205 metros e dispón dunha praia artificial de 30.000 metros cadrados. Ten 25 veces a capacidade do encoro de Cecebre.

O lago responde a un "plan ambiental de envergadura mundial", segundo resaltou Borja Prado, que incidiu en que se dá o "paradoxo" de queeste mércores inaugurouse "unha planta que non consume, senón que produce recursos naturais no mesmo sitio no que ata hai pouco había unha explotación mineira".

Endesa cederá o lago á Xunta de Galicia. O presidente do goberno autonómico avanzou que se porá en marcha un Plan Territorial Integrado formulado pola Consellería de Medio Ambiente coa colaboración da compañía enerxética e que establecerá coa máxima seguridade xurídica e solvencia técnica as actividades que se poderán desenvolver no lago e en qué zonas concretas.

"Estamos a devolver á natureza e a todos os galegos o que foi seu, convertendo o que podía ser un problema nunha enorme oportunidade", engadiu Feijóo, que instou ás empresas extractivas de Galicia a seguir este "exemplo mundial" para a recuperación de zonas afectadas que converteu "algo que xa non vale en algo que vale moito, dende o punto de vista económico, ambiental, paisaxístico e turístico".

Neste sentido, Núñez Feijóo destacou que "este grande lago azul" permitirá que As Pontes se converta nun "referente turístico en Galicia e en Europa" e dos deportes náuticos, a pesca, o ecoturismo e o turismo de praia, en torno ao areal artificial que se creou.

UTILIZACIÓN ENERXÉTICA

Non obstante, Endesa sinalou o lago permitirá os usos lúdicos e turístico, pero tamén "industriais e enerxéticos". Nesta liña, fontes da empresa avanzaron que xa se iniciou o estudio de utilización de lago para a xeración de enerxía hidráulica a través de distintos sistemas que están sendo analizados.

O propio alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, pediu que se estuden as capacidades enerxéticas que "fixeron da localidade o maior complexo eléctrico do país".

Na actualidade, As Pontes ten un total de 2.312,8 megavatios de potencia instalada. Situada ao Norte de Galicia, a localidade acolle unha central térmica de carbón de 1.400 megavatios, outra de ciclo combinado de gas natural, de 850, e dúas hidroeléctricas que suman 62,8 megavatios, propiedade de Endesa. A isto, González Formoso pediu que "se"acaben sumando novos proxectos enerxéticos e hidráulicos que este lago poderá ofrecer".

A creación do lago artificial forma parte dun proceso que Endesa denominou como "a maior restauración ambiental realizada en España" e que incluíu tamén a transformación da antiga entulleira, de 1.200 hectáreas e 160 metros, nun monte con 600.000 árbores, grandes pasteiros e 180 especies de vertebrados.

Contenido patrocinado