A enferma en folga de fame en Vigo dedicará a fin de semana a descansar e o luns cambiará de situación

Fwd: Vigo Foto Huelga Hambre Bea
Europa Press
Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 24 mayo 2013 19:50

VIGO 24 May. (EUROPA PRESS) -

A viguesa enferma de cancro que o pasado martes iniciou unha folga de fame para denunciar a "desprotección" na que se atopan as persoas en situación "límite", Beatriz Martínez Figueroa, continúa este venres co seu acto de protesta, se ben indicou que a fin de semana o dedicará a descansar e o luns cambiará de situación, trasladándose da entrada da oficina de emprego de Navia á sede do INSS na rúa O Grove.

En declaracións a Europa Press este venres, Martínez Figueroa explicou que sente "frío" na situación elixida para a protesta en Navia, pois dá a sombra. Ademais, tendo en conta que está xa no seu cuarto día sen inxerir comida, precisou que nun momento da mañá mesmo tivo que cambiarse para a beirarrúa de en fronte e se poñer "un pouco ao sol".

Despois de que nos últimos días tampouco descanse moi ben, a muller sinala que dedicará a fin de semana a "descansar" e "recuperar forzas" xa que o luns prevé permanecer instalada ante a sede do INSS, onde espera que haxa "maior receptividade" á súa iniciativa por parte dos cidadáns.

"Para poder aguantar teño que descansar", insistiu Beatriz Martínez, quen explicou que, non obstante, o sábado acudirá a unhas reunións na Parroquia do Cristo da Victoria sobre renda básica e que tamén aproveitará a fin de semana para difundir a páxina web que creou --e na que relata o seu caso-- entre as asociacións da cidade, para "solidarizarse" coas causas destes colectivos.

A muller iniciou a folga de fame como "medida extrema" para denunciar "como as leis poden levar a unha persoa cunha enfermidade grave como o cancro" a estar a percibir tan só unha prestación de 426 euros malia cotizar case 20 anos e "unicamente polo feito" de que cando lle diagnosticaron a patoloxía --en marzo de 2011-- tiña unha prestación por desemprego.

Segundo denuncia, se "están a modificar as leis e facéndoas moito máis duras ás persoas" que, como ela, están nunha "situación límite". Por iso, pide ás administracións que se sensibilicen e "reflexionen".

Contenido patrocinado