Un enfrontamento entre traballadores da limpeza en folga e a Policía sáldase con tres feridos en Vigo

Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 19 noviembre 2008 14:32

VIGO 19 Nov. (EUROPA PRESS) -

Un altercado rexistrado entre axentes da Policía Nacional e traballadores da limpeza de edificios e locais que permanecen en folga dende o luns saldouse hoxe en Vigo con tres persoas feridas, dúas mulleres folguistas e un axente.

Sobre as 11.00 horas os folguistas acudiron ás inmediacións do edificio administrativo da Xunta en Vigo, onde realizaron unha asentada no exterior. Cando interveu a Policía para despexar a entrada houbo un forcexo tras o cal unha muller denunciou que lle pisaron a perna e queixábase de "forte dor", mentres que outra sufriu unha crise de ansiedade.

A segunda afectada tivo que ser atendida no interior do edificio por axentes da Policía ata que chegou o persoal do 061 e a evacuaron en ambulancia xunto á outra ferida, que estaba no exterior sentada nunhas escaleiras.

Por outra banda, un dos axentes que interviñeron no incidente recibiu un forte golpe no tabique nasal que, segundo precisaron fontes policiais, se debe a unha suposta agresión por un cabezazo ou un puñazo. O axente foi trasladado á clínica Fátima para ser atendido.

Contenido patrocinado