O exfiscal xeral urxe que financiamento ilegal de partidos e enriquecemento inxustificado sexan considerados delitos

Conde-Pumpido
EUROPA PRESS/JESÚS PRIETO
Actualizado: viernes, 28 noviembre 2014 13:28

Subliña que con iso e o incremento de órganos xudiciais na AN se faría "bastante máis que con centos e centos de medidas administrativas"

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 28 Nov. (EUROPA PRESS) -

O maxistrado do Tribunal Supremo (TS) e exfiscal xeral do Estado Cándido Conde-Pumpido avoga por que o financiamento ilegal dos partidos políticos e o enriquecemento inxustificado sexan tipificados penalmente como delitos.

Con iso e co incremento de órganos xudiciais na Audiencia Nacional, subliñou, faríase "bastante máis que cono centos e centos de medidas de carácter administrativo".

Así se pronunciou este venres en Santiago o exfiscal xeral, preguntado polos medios de comunicación pola batería de medidas que prevé aprobar o Goberno nos próximos meses.

Antes de intervir nunha xornada sobre a experiencia da catástrofe ambiental do 'Prestige', Conde-Pumpido sinalou que, dende o seu punto de vista, de penalista, "as medidas máis importantes para acabar cos casos de corrupción" son, precisamente, as "medidas penais".

"É dicir, o máis importante é que o corrupto saiba que vai rematar no cárcere e que vai ter que pagar o que se levou", sentenciou o maxistrado do TS.

Iso é ao seu xuízo "o máis importante", porque, aínda que "é verdade que hai medidas de transparencia e medidas administrativas, pode falarse" delas "moito tempo", pero "o máis importante é que o corrupto se vaia ao cárcere rápido, pronto e dun xeito contundente". "E ademais, pague", apostilou, para aseverar que "iso é o que os cidadáns queren".

Para lograr esta meta, Cándido Conde-Pumpido explicou que "o que fai falta" é, en primeiro lugar, "máis medios, máis xulgados de instrución na Audiencia Nacional". Non obstante, reiterou que o que urxe "sobre todo" é contar con "tipificacións claras".

XULGADO ANTICORRUPCIÓN EN TODAS AS CC.AA.

"Ten que estar tipificado o enriquecemento inxustificado das autoridades e funcionarios, que non está tipificado en España, e ten que estar tifipificado como delito o financiamento ilegal dos partidos políticos", insistiu.

Para o exfiscal xeral, "son cousas moi claras", e ademais, tamén é "partidario" de que haxa un xulgado anticorrupción "en todas as comunidades autónomas". "Con iso, posiblemente, fariamos bastante máis que con centos e centos de medidas de carácter administrativo", finalizou.