Expulsan do Parlamento a varios traballadores da industria auxiliar da automoción tras criticar Conde

Trabajadores de las auxiliares de automoción expulsados del Parlamento
EUROPA PRESS
Actualizado: miércoles, 25 noviembre 2015 19:42

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 25 Nov. (EUROPA PRESS) -

Varios traballadores da empresa Dalphimetal, con plantas en Vigo e O Porriño para a fabricación de airbags para coches, foron expulsados este mércores do hemiciclo por recriminar o conselleiro de Emprego, Economía e Industria, Francisco Conde, a súa falta de atención aos despedimentos na industria auxiliar da automoción.

A súa protesta produciuse tras escoitar o titular de Industria acusar de "oportunista" a pregunta da deputada do BNG Carme Adán sobre a deslocalización de emprego na industria auxiliar da automoción e, máis concretamente, en Dalphimetal.

"¡Non tedes nin idea!", exclamaron dende a tribuna de convidados do Parlamento, ao tempo que instaron Conde a subirse ao coche sen condutor que este martes probou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e irse "a Madrid". "O que facedes é dar diñeiro público para que nos deslocalicen e nos manden á rúa a todos", censuraron antes de ser desaloxados.

En concreto, a nacionalista relatou que nesta compañía chegou a haber 700 traballadores e que actualmente está "a punto de pechar" para acabar de trasladar a súa produción a Portugal. "É un exemplo clarísimo do que está a acontecer na industria auxiliar", recalcou.

VISIÓN "PARCIAL"

Ao respecto, Conde lamentou a súa visión "parcial" da situación da automoción en Galicia e reprochoulle que pretende "ocultar a realidade" e feitos tan "relevantes" como a adxudicación dunha nova furgoneta de Citroën á factoría de Vigo.

"Xa venderon a adxudicación da furgoneta por activa e por pasiva. ¿Que van facer para evitar a deslocalización na industria auxiliar?", replicoulle a deputada do Bloque, tras demandar o conselleiro "respecto" pola xente que está a perder o seu emprego.

Na súa última quenda de palabra, Conde sostivo que esa nova furgoneta terá un importante impacto na industria auxiliar e reivindicou que o Goberno galego "apoia" tanto á factoría de PSA Peugeot-Citroën da cidade olívica como á industria auxiliar da automoción.

"Estamos ante un sector estratéxico que traballa polo seu futuro, e este goberno estará ao seu lado para poñer en práctica todas as actuacións que sexan necesarias", garantiu, tras apostar "pola innovación" para situar a automoción galega a vangarda internacional". De feito, relacionou esta estratexia coa adxudicación a Vigo da K-9 fronte a "países low cost".