Facenda defende os presupostos e a oposición acúsaos de "propaganda"

Actualizado: miércoles, 7 diciembre 2016 18:00

Esta consellería, con 55 millóns, 2 máis, prevé poñer en marcha o Tribunal Administrativo de Contratación Pública

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 7 Dic. (EUROPA PRESS) -

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, defendeu que os presupostos da Xunta para 2017 pretenden "consolidar" unha recuperación "universal e completa" para os galegos. Fronte a el, a oposición, na comisión de economía do Parlamento, acusou este discurso de "propagandístico".

Martínez foi o primeiro membro do Goberno galego en comparecer, este mércores, na comisión do ramo na Cámara autonómica co obxectivo de dar a coñecer as contas para o ano que vén. Tras el pasarán polo Pazo do Hórreo o resto de conselleiros e outros altos cargos.

Na súa intervención, o titular de Facenda reiterou que o Executivo "cumpriu coa palabra dada" e posibilitou o inicio da tramitación parlamentaria do anteproxecto "en tempo record", tras a súa toma de posesión.

Ademais, resaltou dous aspectos clave, que marcan o discurso do conselleiro dende a aprobación do documento no conselo a semana pasada: que o presuposto se inscribe no "mellor momento" da economía galega nos últimos oito anos e que "consolida un modelo de crecemento san".

FACENDA

Na área específica do seu departamento, con 55 millóns, 2 máis que nos presupostos de 2016 (+3,77%), Valeriano Martínez resaltou a posta en marcha do Tribunal Administrativo de Contratación Pública, que será o organismo encargado de resolver os recursos especiais en materia de contratación administrativa.

Tamén destacou a integración do Centro de Información e Xestión Tributaria (Cixtec) na Axencia de Modernización Tecnolóxica (Amtega), o que permitirá "unificar" os servizos informáticos da Xunta.

Así mesmo, a consellería reforzará en 2017, segundo reivindicou, os servizos da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga), co fin de "facilitar o exercicio dos dereitos da cidadanía", para ampliar prestacións e mellorar as relacións coa administración tributaria.

"MENOS EMPREGO E MÁIS PRECARIEDADE"

Por parte de En Marea, o deputado Manuel Lago atribuíu un discurso "propagandístico" a Martínez, ao asegurar que "non é certo" que a volta ao crecemento da economía se deba ás súas políticas. "Foi ao revés", segundo dixo: "a política de recortes é a responsable de que a crise durara tanto", aseverou.

Para Lago, as medidas impostas pola "Troika supuxeron que se prolongase "o sufrimento", e isto foi algo "premeditado".

Así, cualificou de "fraude, estafa" e "irresponsabilidade" a crise, e denunciou que agora Galicia é un país "máis inxusto e desigual, con menos protección, dereitos máis débiles, menos emprego e máis precariedade laboral".

"A MEDALLA AO SEÑOR FEIJÓO"

A parlamentaria do PSdeG Begoña Rodríguez viu "propagandística" que se fale de "crecemento san", ao advertir que as contas para o próximo exercicio non son para o seu grupo aceptables "nin económica nin socialmente". "Non deben sentirse satisfeitos", espetou ao conselleiro.

Nesta liña, a socialista considerou o proxecto "continuista" e "para poñerlle a medalla ao señor Feijóo", e alertou de que, nestas circunstancias, a maioría dos galegos "ten que solucionar cada día" unha situación "difícil".

"O DÍA DA MARMOTA EXPANSIVA"

Dende as bancadas do BNG, Noa Presas cuestionou que sexa un presuposto expansivo, xa que crece "menos" que en 2016 e prevé un crecemento económico "menor", polo que ironizou coas "promesas do PP" e equiparounas co "día da marmota expansiva".

Ao respecto, a nacionalista preguntouse que, "se se rematou a crise, por que estes presupostos consolidan os recortes" pasados, e concluíu que "detrás dos titulares do PP" e da súa "propaganda" hai un documento "de absoluto continuismo" coa política de presupostos restritictivos".

PP

En representación do PPdeG, o seu voceiro parlamentario, Pedro Puy, reivindicou que si son uns presupostos "expansivos" e fixo referencia ao significado do 'día da marmota', un "método folklorico" para predicir o tempo en Estados Unidos e Canadá.

Esta imaxe serviulle para reflexionar sobre que non é o momento para "volver ao tobo", senón que se debe "intentar seguir crecendo".

A maiores, rexeitou que se critique o incremento do soldo dos membros do Executivo, ao vir "dun acordo sindical", o que ten que ver coa recuperación do complemento autonómico da paga extraordinaria que se retirou en 2013.

RÉPLICA

Na réplica, o responsable da facenda autonómica chamou a atención sobre que "en modo ningún este Goberno pode sentirse satisfeito coa situación" que viven os galegos, pero "si" o está, agregou, se a compara coa que había en 2009, 2010, 2011, 2012 e 2013. "Porque a evolución é a positivo", subliñou.

Neste sentido, apostou por ser "reformistas" e afirmou que, na súa opinión, é a oposición a que está "no día da marmota". A intención da Xunta, reiterou, é "que ese crecemento chegue", e "para iso" aproba as medidas contidas nas contas.

PECHE

Xa no peche, o dirixente lamentou escoitar reproches en canto á débeda que recollen os presupostos e insistiu en que o propósito da Xunta é trasladar "certezas" á sociedade (familias e empresas).

Por último, chamou ao "diálogo" coa oposición, porque entende que é "moito máis produtivo", coa vista posta no ano 2020 e en "asentar" o crecemento e que este "se traslade ao emprego".