Facenda reivindica no Parlamento Europeo o "papel clave" das rexións nos programas comunitarios de 2014-2020

Sinalou que Galicia se sitúa "entre as comunidades máis desenvolvidas" grazas aos "recursos da Unión Europea"

La conselleira de Facenda, E. Muñoz, en el Parlamento Europeo
XUNTA
Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 19 junio 2013 20:52

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Jun. (EUROPA PRESS) -

A conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, reivindicou este mércores no Parlamento Europeo o "papel clave" que teñen as rexións "na execución dos programas comunitarios" para o período 2014-2020.

Na súa visita a Bruxelas, Muñoz Fonteriz avalou os fondos que o sector público recibe da Unión Europea, xa que é este órgano "o que mellor coñece as necesidades e puntos claves nos que se deben concentrar os esforzos para saír da crise".

En referencia ao 'Marco Financeiro Plurianual 2014-2020', a titular de Facenda subliñou que está orientado a "apoiar o crecemento económico e a competitividade", a "fomentar o emprego" e a "loitar contra o desemprego xuvenil".

Muñoz Fonteriz indicou tamén a "importancia de gastar mellor" e de forma "máis eficaz" para "maximizar o impacto dos investimentos". Desta forma, considera que os pasos a seguir son unha "concentración temática", xa que é un "mecanismo que atende ás particularidades de cada rexión", e un "seguimento que ofreza información económica a escala nacional, rexional e local".

Outro dos "puntos clave" que sinalou a titular de Facenda é a "axeitada selección de proxectos" para o seu posterior financiamento, que "debe priorizar" a selección daqueles que teñan "un maior impacto na economía".

ENTRE AS MÁIS DESENVOLVIDAS

Muñoz Fonteriz destacou que os "recursos da Unión Europea" cos que contou Galicia, mentres foi considerada rexión obxectivo de converxencia, lle permitiron que o seu PIB per cápita "fora converxendo cara á media da UE", logrando situarse "entre as comunidades máis desenvolvidas", alcanzando o 92,3 por cento en 2009.

A maiores, Galicia "realizou infraestruturas de transportes" e "potenciou estruturas e actividades relacionadas con Investigación, Desenvolvemento e Innovación (I+D+i) dende o ano 2.000.

Contenido patrocinado