Actualizado: miércoles, 2 septiembre 2015 22:02

VIGO, 2 Sep. (EUROPA PRESS) -

Unha muller de 65 anos faleceu este mércores na UCI do novo hospital de Vigo, segundo confirmaron a Europa Press fontes hospitalarias, que sinalaron que a paciente estaría afectada polo fungo 'aspergillus'.

As mesmas fontes indicaron que a muller padecía unha "patoloxía grave" e que "xa estivera ingresada máis veces" pola súa enfermidade. Agora estanse a analizar as mostras tomadas e o que se pretende é "dilucidar se colleu o 'aspergillus' no novo hospital ou xa o tiña", así como as causas do falecemento.

O presidente da Xunta de Persoal, Ángel Cameselle (CC.OO.), lamentou que o xerente non ofrecera explicacións aos traballadores e riscou de "sospeitoso" que, tras o falecemento da muller, a UCI "foi evacuada" e "se dixo que era un simulacro".

A semana pasada, o Sergas paralizou o traslado de pacientes ao Álvaro Cunqueiro debido a que non estaba garantida "ao cen por cen" a calidade do aire ambiental en áreas críticas como quirófanos, algunha UCI, reanimación e área materno infantil. Non obstante, Sanidade reiterou que, no resto do hospital, incluída as zonas onde hai pacientes ingresados, estaban garantidas as condicións de bioseguridade para enfermos e traballadores.

Na mesma liña pronunciouse a conselleira do ramo, Rocío Mosquera, este martes no Barco de Valdeorras. A preguntas dos xornalistas, asegurou que as análises desas áreas sensibles daban "algunha alteración", pero negou que houbese crecemento de fungo 'aspergillus' nos cultivos e mostras.

ANTECEDENTES

No ano 1998, un brote de aspergillus ocasionou a morte a seis pacientes ingresados no hospital vigués do Meixoeiro. Anos máis tarde, en 2005, un tribunal exculpou os directivos do Sergas que sentaron no banco por estes feitos.

Posteriormente, en verán de 2012, de novo a presenza deste fungo obrigou a pechar unha planta nese hospital. Nese caso, houbo dous falecementos, pero non se chegou a establecer relación directa entre as mortes e o fungo, e tratábase de pacientes cunha patoloxía de base xa moi grave.