Falecen dúas veciñas da Rúa (Ourense) nun accidente de tráfico en Chile

Publicado: lunes, 17 septiembre 2018 19:08

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 17 Sep. (EUROPA PRESS) -

Dúas veciñas da Rúa de Valdeorras (Ourense), de 24 e 32 anos de idade, faleceron nun accidente de tráfico rexistrado na tarde do domingo en Chile. Ademais, dous homes deste municipio permanecen feridos de gravidade.

Segundo informan os medios locais, o sinistro tivo lugar na ruta Calama Sierra Gorda cando o vehículo, no que viaxaban dous homes e dúas mulleres deste municipio ourensán, chocou contra un camión.

O alcalde da Rúa, Luís Fernández, informou a Europa Press de que os ocupantes do vehículo eran dúas parellas do municipio ourensán. Unha das vítimas tiña 24 anos e acábase de casar cun dos feridos graves. A outra muller, de 32 anos, é a cuñada da outra falecida e irmá do ferido.

O rexedor tamén explicou que varios familiares se trasladaron a Chile para seguir cos trámites para repatriar os cadáveres, que xa iniciaron en contacto co Consulado.