Familiares do cabo Gago encadéanse no Arsenal de Ferrol para que se retire o expediente aberto pola Armada

Denuncian que os documentos sobre o sinistro desapareceron tres meses despois do accidente da Fragata Extremadura

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 10 octubre 2008 15:23

FERROL, 10 Oct. (EUROPA PRESS) -

Os pais e a muller do cabo Jorge Miguel Gago Chao, expedientado pola Armada por denunciar supostas "neglixencias" no accidente da fragata Extremadura no que faleceron dous militares en 2005, encadeáronse durante unha hora á entrada do Arsenal Militar de Ferrol para reclamar a retirada da sanción e a investigación do sinistro.

Os familiares do cabo, acompañados por unha decena de persoas e representantes políticos do BNG e de Esquerda Unida-Esquerda Unida, encadeáronse á entrada do Arsenal próxima ao Teatro Jofre, na Praza de Galicia, sobre as 11.00 horas, con pancartas nas que figuraban as frases "Liberdade de expresión, transparencia e claridade".

Ata o lugar desprazáronse máis dunha decena de axentes da Policía Nacional e ante a negativa dos familiares a finalizar a protesta, varios policías cortaron finalmente as cadeas sobre as 11.50 horas sen que se producisen enfrontamentos.

Coa protesta, os pais de Jorge Miguel Gago denunciaron publicamente que o mércores o cabo foi informado no Arsenal sobre o expediente aberto pola Armada por declarar nos medios de comunicación sobre as "neglixencias" dos seus superiores. Censuran que o documento teña carácter "confidencial", co que Defensa "evita mesmo aos familiares coñecer as últimas novidades sobre a posible sanción".

"Non pode falar cos seus familiares, e éso á parte dos dous meses de cárcere é unha tortura que lles están a facer ao meu fillo", manifestou a nai do cabo, Ángeles Chao.

O cabo enfróntase a unha sanción de dous meses de arresto en cárcere militar, que podería cumprir en Madrid ou en rota, por realizar declaracións nos medios de comunicación sobre o sinistro nas que asegurou que os seus superiores actuaron de forma neglixente o día do accidente. Así mesmo, afirmou que non pararon a Fragata a pesar de que lles advertiu de forma reiterada que a caldeira podía explotar porque superara ata en dez veces os límites de cloros considerados de emerxencia.

DESAPARICIÓN DOCUMENTOS

Os familiares do cabo denunciaron ademais que fontes internas da Armada lles confirmaron que os documentos que se solicitaban para esclarecer o accidente, no marco das dilixencias previas que instrúe o Xulgado Togado Militar de A Coruña, "desapareceron" tres meses despois do sinistro, acontecido o 19 de decembro de 2005.

Segundo aseguraron hoxe, trátase dos informes que elaboraron no buque tras a explosión da caldeira membros do Centro de Valoración e Apoio da Cualificación Operativa para o Combate (Cevaco) e que serían destruídos por motivos de seguridade.

"Eu penso que se os papeis desapareceron aos tres meses é porque algo teñen que ocultar", sinalou Ángeles Chao, quen recordou que dende o Ministerio de Defensa se atribuíra o accidente a unha "fatiga de materiais". "Se é por fatiga de materiais, xa é un delito, porque non debían de deixar acender a Fragata", puntualizou.

DIMISIÓNS

Ángeles Chao declarou que os familiares de Jorge e dos militares falecidos están "decididos a todo" para que se esclarezan os feitos acontecidos na Fragata Extremadura. "Pido a dimisión da cúpula, que non serven para estar aquí, eu creo que son flocos franquistas os que están a organizar isto, porque moita xente da Armada está connosco, e nos chaman e felicitan o meu fillo", sentenciou.

O día do sinistro, o cabo alertara telefonicamente o Xefe de Máquinas, que non se atopaba na Fragata nin no Arsenal, que a caldeira superara os niveis de cloros permitidos e que era preciso parar o seu funcionamento para evitar a súa explosión. Malia as súas advertencias, Jorge Miguel Gago denuncia que non se adoptou ningunha decisión e que a caldeira explotou horas despois, cobrándose a vida dos seus dous compañeiros Eric Noval e Francisco Javier Pérez Castrillón.

O próximo domingo día 12, a Plataforma de Apoio ao cabo Gago -integrada por asociacións veciñais, sindicatos e o BNG e EU-IU-, realizará unha manifestación de protesta que sairá ás 12.00 horas do porto de Curuxeiras de Ferrol, para reclamar a retirada do expediente aberto e a investigación do accidente.

Contenido patrocinado