Familiares de Socorro Pérez piden "xustiza" e "manter o seu recordo"

Familiares de Socorro en Ourense
EUROPA PRESS
Actualizado: jueves, 28 abril 2016 18:31

O voceiro da familia confirmou que se vai reunir co novo comisario para falar do caso

   OURENSE, 28 Abr. (EUROPA PRESS) -

   Familiares e compañeiros de Socorro Pérez, a muller de 43 anos asasinada hai un ano en Ourense, manifestáronse este xoves fronte ás instalacións do IES Universidade Laboral, para pedir "xustiza" e "que o seu recordo perviva" ata que se atrape os culpables da súa morte.

   No acto, o voceiro da familia, Jesús María Pérez Barreiro, confirmou que se vai reunir co novo comisario de Policía para falar sobre o caso. "Non pedimos vinganza, pedimos Xustiza", sinalou ante as máis de 200 persoas que asistiron á convocatoria fronte ás instalacións nas que traballaba Socorro Pérez.

   Ante os asistentes, entre os que se atopaba o alcalde da cidade, Jesús Vázquez, Pérez Barreiro pediu a "tódalas forzas do Estado" que "resolvan canto antes o caso e reclamou á policía "máis medios e dispositivos para traballar sen desmaio" ata que se atopen pistas que axuden a atopar "ao culpable ou aos culpables".

   O voceiro familiar, que tamén é primo da vítima, asegurou que "nunca pensamos que este caso tardase un ano en resolverse" e que, a tres días de cumprirse esta data "esteamos como o primeiro día".

"CRÍTICOS" COAS PRIMEIRAS ACTUACIÓNS

   Neste sentido, mostrouse crítico coas actuacións policiais durante os 33 días nos que a súa prima estivo desaparecida. "As cousas non se fixeron ben" e "houbo disfuncións", asegurou Pérez Barreiro, en especial cando se referiu ao atraso nas actuacións da policía científica, que chegou á cidade 15 días despois de que se achase o cadáver.

   "Quizais estamos a pagar agora as consecuencias dunha investigación na que non se puxo todo o celo para esclarecer os feitos", reiterou en referencia a que durante a desaparición da súa prima se manexou a posibilidade de que Socorro se fose voluntariamente de casa ou que se suicidase.

INVESTIGACIÓN DAS CHAMADAS DE TELÉFONO

   Pérez Barreiro mostrouse convencido de que a Policía "ten que ter máis cousas que a familia descoñece". Neste sentido sinalou que "se está a falar de comunicacións e chamadas de teléfono". "Se rastrexar as chamadas é unha solución que poñan a 10 ou 100 persoas para que esa vía se poida pechar", pediu.

   A familia ten previsto reunirse co novo comisario xefe de Ourense, Antonio Álvarez Valencia, para "falar sobre todo o sucedido este ano", reiterar o apoio ás investigacións e pedirlle "que o caso siga adiante e poña todos os medios técnicos e humanos" para resolver o caso.

   María del Carmen Yáñez, prima de Socorro Pérez tamén considerou que "houbo cousas que non se fixeron ben dende o principio". A un ano do suceso asegurou que en parte da familia hai "desespero" porque "non temos noticias ningunhas", e pediu aos responsables da investigación que "non arquiven o caso" no caixón dun despacho".

O CASO

   Socorro Pérez desaparecía o pasado dous de maio, despois de ser vista por última vez cando regresaba ao seu domicilio despois de facer deporte. As primeiras buscas centráronse na zona onde practicaba deporte e nas beiras do río Miño, ante a sospeita de que se puidese suicidar.

   Uns cazadores atoparon, un mes máis tarde (o 5 de xuño) o corpo de Socorro tapado pola maleza nunha zona próxima ao Seminario e ao barrio de O Couto, onde residía, pero lonxe das habituais para practicar deporte.