A Fegamp destaca que os municipios foron "un motor" no 8M e urxe un pacto social

Alfredo García
EUROPA PRESS - Archivo
Publicado: miércoles, 14 marzo 2018 19:29

Incide na relevancia da educación e advirte de que "unha porcentaxe moi grande" da sociedade "non asumiu" a igualdade real

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 Mar. (EUROPA PRESS) -

O presidente da federación galega de municipios e provincias (Fegamp), Alfredo García, mostrouse convencido de que "os concellos e os seus departamentos de servizos sociais foron un motor importante nesta histórica cita" do 8 de marzo, á vez que urxiu un pacto social "global" para erradicar a violencia de xénero.

Na comisión parlamentaria de estudo para a igualdade e para os dereitos das mulleres, García advertiu de que "segue existindo unha porcentaxe aínda desgraciadamente moi grande" da sociedade que "non asumiu nin asimilou" a igualdade real, que, subliñou, é "un dereito sen ningún tipo de discusión".

Así, entre outras cuestións, avogou por "ser capaces de dicir" a aquelas mulleres que consideran "normal" situacións de desigualdade que "o normal é ser iguais", posto que son "as principais educadoras para trasladar" valores "aos seus fillos e netos".

A desigualdade e a violencia de xénero non poden ser "un problema de carácter político", segundo destacou, para o que chamou a ese "verdadeiro pacto social global".

Na súa intervención, o responsable da Fegamp enumerou o traballo que fan os municipios contra a violencia de xénero, a través dos servizos sociais, mediante os 80 centros de información á muller que "aínda que son de carácter comarcal" están situados en 80 concellos e coas mesas locais de coordinación institucional.

"As mulleres denuncian, pero faise preciso que as administracións públicas traballemos arreo todos xuntos para lograr a igualdade", reivindicou Alfredo García.

GRUPOS

Na súa quenda, a nacionalista Noa Presas preguntouse sobre "se sería necesario dar unha pensada e revitalizar as escolas de nais e pais".

Por parte do PSdeG, María Pierres interrogou ao presidente da federación sobre se cre "suficiente" a contía de 100 millóns en cinco anos para que os concellos afronten os custos das novas competencias que lle confire o pacto de estado contra a violencia de xénero. A socialista calculou que tocarían a "algo menos de 2.500 euros anuais" por consistorio.

En representación de En Marea, Paula Quinteiro compartiu que non se debe "facer partidismo" pero matizou que "política" entende que si, e tamén apostou por desterrar prototipos de perfís de mulleres potenciais vítimas de violencia de xénero, posto que estas situacións, segundo expuxo, poden afectar a calquera.

A popular María Ángeles García, mentres, coincidiu en "non utilizar a violencia de xénero e a igualdade como arma arreboladiza política". "Debemos mostrar que estamos a traballar todos a un tempo para poder alcanzar os resultados que todos queremos", afirmou.

RÉPLICA

Na réplica, García, entre outras cuestións, reflexionou sobre problemas que teñen os concellos no marco da concesión de subvencións en materias que antes "non eran competencia municipal".

Así mesmo, e após incidir na relevancia da educación, defendeu as colaboracións da Fegamp coa Xunta e con outros entes como o colexio de psicólogos, aínda que precisando que os seus recursos e a súa capacidade son limitadas. "Non temos recursos nin capacidade para prestar servizos deste tipo, pero tampouco estamos de brazos cruzados", resolveu.