Feijóo anuncia unha nova lei de transparencia e a regulación da asistencia xurídica para imputados

Alberto Núñez Feijóo en el Parlamento
EUROPA PRESS
Actualizado: martes, 27 enero 2015 11:04

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 27 Ene. (EUROPA PRESS) -

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou unha nova lei de transparencia e bo goberno para conseguir un texto "máis esixente" que a normativa estatal e a actualmente en vigor, aprobada co bipartito e que contou co voto favorable do PP.

Na súa intervención na comparecencia para dar a coñecer medidas do "impulso democrático", o mandatario autonómico tamén avanzou que este xoves, 29 de xaneiro, se aprobarán as primeiras medidas vinculadas coa dotación de maior transparencia do goberno da Xunta.

Ademais, entre as medidas avanzadas, Feijóo adiantou unha nova lei de asistencia xurídica, na que se "delimitará con precisión" cando un imputado pode recibir asistencia letrada pagada con fondos públicos.

Ao respecto da nova lei de transparencia e bo goberno, o xefe do Executivo galego anunciou que se abrirá un "foro cidadán" sobre a normativa, para que calquera persoa poida achegar e poida participar na elaboración da normativa.

Con todo, estableceu que esta nova lei debería incluír un órgano de transparencia e establecer os límites dos gobernos en funcións, para que non poidan comprometer gastos nin postos de traballo. Así mesmo, o Goberno galego aspira a unha maior esixencia nas incompatibilidades para o acceso a cargos públicos.

Feijóo manifestou o seu desexo de que en marzo poida empezar a tramitación deste proxecto de lei.