Feijóo: "Calquera aspiración que tiver, hoxe, síntome igual ou máis lexitimado do que me sentía hai dous anos"

Alberto Núñez Feijóo, en una entrevista con Europa Press
EUROPA PRESS
Actualizado: domingo, 23 julio 2017 12:00

   O presidente avanza, ás portas de aprobar o teito de gasto, que o orzamento de 2018 será "expansivo e moi centrado en investimento"

   Advirte que se irá á adxudicación directa de liñas de bus se fai falta e lembra que con Fraga e Touriño tampouco se transferiu a AP-9

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Jul. (EUROPA PRESS) -

   Nove meses despois do arranque do seu terceiro mandato e ostentando a única maioría absoluta autonómica de España, o presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, atópase "tan ilusionado como na primeira lexislatura" e cingue o seu "futuro político" a dirixir o Executivo autonómico. "Calquera aspiración que tiver, hoxe, pois home, síntome igual ou máis lexitimado do que me sentía hai dous anos", afirma, no entanto, ao ser cuestionado sobre as súas aspiracións políticas.

   Amigo de medir os tempos e anunciar cada paso cando el decide, Feijóo reflexionou, nunha entrevista con Europa Press, acerca da súa situación política neste momento e subliñou que agora mesmo está centrado en presidir Galicia, sen dar máis pistas sobre as súas aspiracións, pero tamén sen pechar portas.

   Así, preguntado acerca de se se pode atribuír o seu aparente menor presenza pública en Madrid a que descartou definitivamente o salto á política estatal, replicou que a situación, no que incumbe ao seu futuro político, é "igual que hai dous anos", coa única "diferenza" de que sumou a súa terceira maioría absoluta.

   "En relación ao meu futuro político, é exactamente igual hoxe que hai dous anos, cunha diferenza: hai dous anos tiña que ver se era capaz de ser presidente da Xunta por terceira vez e hoxe, grazas aos galegos, é unha materia aprobada", esgrimiu.

   A continuación, reivindicou a "estabilidade" que a maioría absoluta do PPdeG, con el á fronte, dá ás institucións galegas. Tamén que non haxa "leas" ou que o seu Executivo poida aprobar o orzamento sen necesidade de "pactos" con Podemos que despois teña que "someter ás bases do partido".

   "Cando a novidade non é que imputasen a un membro do Goberno ou que estea en cuestión un membro do Goberno... Cando non hai noticias, parece que o Goberno se move menos. E eu o que pretendo non é ser obxecto das noticias, senón ser obxecto dos feitos. E os feitos son que hai menos paro e máis afiliados á Seguridade Social. Que estes son o mellores oito primeiros meses desde 2008", reivindicou.

   "Asegúrolle que, en canto ao meu futuro político, é ser presidente da Xunta. Calquera aspiración que tiver, hoxe, pois home, eu síntome igual ou máis lexitimado do que me sentía hai dous anos", agregou, xusto a continuación.

UN PRESIDENTE "ILUSIONADO"

   Se Feijóo, que foi pai este ano, ten en mente un futuro alleo á política --por exemplo na empresa privada--, tampouco o revela. E é que sente "tan ilusionado como na primeira lexislatura", sobre todo despois de que os galegos o converteran "no único" presidente autonómico con maioría absoluta".

   "Iso ilusiona a calquera", remarcou, antes engadir que non sería "xusto" que dedicase "nin un minuto" do seu tempo a pensar que fará despois de 2020 cos proxectos que aínda ten que impulsar.

   "Preocúpame cumprir os meus compromisos en 2017, 2018 e 2019. E en 2020, cando toque no partido facer reflexión e cando toque facer a miña, farémola, pero o mellor que podemos facer neste momento por Galicia é dar estabilidade", proclama, convencido de que o que "anhela" Galicia é "un goberno que goberne" apoiado por un partido "sen fisuras".

   En fronte, Feijóo apunta á división no seo de En Marea e á ausencia dun liderado claro no PSdeG, cun BNG "con seis escanos", e reafírmase en que, se el tivese perdido a maioría absoluta, "sen ningunha dúbida" Galicia tería agora "un presidente das mareas de Podemos" con dous vicepresidentes "de PSdeG e BNG".

   Neste escenario e vendo "obvia" a aproximación en Galicia entre PSdeG e as mareas, advirte que el non "incidirá" en nada que "diminúa a estabilidade e a unidade" que, ao seu xuízo, caracteriza ao seu Goberno e ao PPdeG, como partido que o sustenta, neste momento.

"A TODA MÁQUINA"

   Dito isto, defende o funcionamento do seu Executivo, con todas as consellerías "con proxectos estratéxicos" e, preguntado acerca de se ten en mente algunha remodelación, insiste en que, agora mesmo, o Goberno funciona "a toda máquina".

   A modo de exemplo, citou varios proxectos anunciados, o impulso de hospitais ou as actuacións para mellorar a atención á dependencia e a educación dixital, antes de proclamar que, "en oito meses", o seu Executivo gobernou "máis e con maior intensidade" que "algúns gobernos locais" no ecuador de mandato.

   "Estou satisfeito co meu Goberno, se habemos de facer axustes, pois os faremos, pero o meu obxectivo neste momento é presentar o orzamento de 2018 no seu prazo correspondente", subliñou, sen aclarar se eses "axustes" serán obrigados pola saída dalgún conselleiro para baterse na area dos comicios locais de 2019.

   No partido dáse por feito que Beatriz Mato e José Manuel Rey Varela serán candidatos do PP na Coruña e Ferrol, pero el non o desvela. De feito, aínda que recoñece que, "con carácter xeral", os presidentes locais do PP son os candidatos nas municipais, "non sempre" ocorre.

   "Un presidente local é un señor que está a disposición do partido no ámbito local, que é a súa prioridade política, pero ten que ser o partido o que elixa os candidatos ás municipais", sinala.

ORZAMENTO "EXPANSIVO"

   Entre tanto, ás portas de aprobar o teito de gasto a semana próxima e tras incidir en que todos os indicadores ratifican o camiño da recuperación económica, avanzou que o orzamento galego de 2018 será "expansivo" e estará "moi centrado en investimento e servizos públicos".

   "Necesitamos moito diñeiro para investimento", subliñou Feijóo, quen non quixo concretar unha cifra "por prudencia", pero avanzou proxectos que esixen recursos tales como a remodelación do hospital de Pontevedra. Así mesmo, incidiu na "consolidación dos servizos públicos" e a redución das esperas sanitarias.

TRANSPORTE E AP-9

   Tras os recursos de empresas do sector do transporte ao plan da Xunta, respondeu que o seu Goberno "non pode recibir un pau xudicial por cumprir unha sentenza do Tribunal Supremo". Entende que haxa "tensións" dado o cambio dun modelo "que se remonta a 40 ou 50 anos atrás", pero di que velará polos intereses dos galegos.

   Por iso, chegado o momento, se fai falta, asegurou que a Xunta recorrerá á adxudicación directa das liñas de autobús. Con todo, aínda non sabe se será necesario, e remarca que as resolucións do proceso, coas empresas presentadas, "terán unha motivación expresa en función de parámetros obxectivos de calidade, antigüidade dos autobuses, dispoñibilidade e prezos".

   Sobre a polémica en torno ao traspaso da AP-9, afirmou que el non quere "atrasalo", pero insistiu en que non aceptará unha transferencia que supoña asumir máis gasto polas peaxes bonificadas de Rande e A Barcala. Preguntado acerca de se cre que o expresidente Manuel Fraga toleraría o veto do Goberno mesmo a debater no Congreso sobre esta cuestión, replicou que el non quere "medirse" con quen ve "un personaxe irrepetible".

   "O que digo é que, cando tomei posesión, a AP-9 non fora transferida, despois de 16 anos de Fraga e do Goberno que presidía Emilio Pérez Touriño", sentenciou.

   Finalmente, sobre a resolución de Ferroatlántica, que pediu segregar a actividade, o que facilitaría a venda das centrais do Xallas, reafirmouse en que a Xunta tomará a decisión atendendo "á lei" e a garantir os empregos.