Feijóo destaca que a pesca alcanzou en 2017 a súa mellor cifra facturación en lonxa, superando os 500 millóns

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, visita a lonxa de Noia
XUNTA
Publicado 14/02/2018 15:56:24CET

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 Feb. (EUROPA PRESS) -

   O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou este mércores a calidade do sector pesqueiro galego que en 2017 alcanzou a mellor cifra de facturación procedente da primeira venda, ao romper o teito dos 500 millóns de euros.

   Durante unha visita ás instalacións da lonxa de Noia, Feijóo precisou que, o ano pasado, o sector conseguiu varios datos históricos ao comercializar máis de 212.000 toneladas de produtos da pesca e cun incremento do 27% en descargas por encima da media anual.

   Por tipo de produto, explicou que o peixe representa o 92% das descargas e os moluscos bivalvos o 4,6%, aínda que o seu peso na facturación ascende ao 16%. "E é necesario destacar, ademais, que estamos a falar do mellor exercicio da serie histórica nas tres provincias, alcanzando A Coruña o 54% do total das descargas, Pontevedra o 27,5% e Lugo o 18,5%", explicou.

   En relación a Noia, o máximo mandatario autonómico sinalou que esta zona, que abarca os municipios de Noia e Outes, alcanza tamén cifras históricas na súa campaña marisqueira, cun 70% por encima da media histórica en capturas e un 63% por encima en facturación. Un traballo que implica a case 1.500 familias e no cal o berberecho supón máis do 82% das descargas.

BERBERECHO

   Deste xeito, aínda que destacou que a comercialización de ameixa babosa, ameixa fina, ameixa japónica, ostra, anguía e cangrexo tamén é relevante dentro da confraría, lembrou que o berberecho desta zona representa o 715 do total de Galicia e o 72,4% en volume de facturación.

   Feijóo tamén aproveitou para felicitar ao sector pola súa aposta pola calidade a través da marca 'Berberecho de Noia. Pesca artesanal. Rías galegas'. En concreto, este distintivo contempla a orixe --a ría de Noia--, o tipo de pesca --artesanal--, a calidade e autentidicidade --captura no momento óptimo de consumo--; e a rastrexabilidade, xa que esta confraría é a única de Galicia que conta cun criadeiro propio.

   Ademais, após confirmar o proxecto de ampliación da lonxa de Noia, o presidente da Xunta afirmou que o Goberno galego seguirá traballando tamén no ámbito da depuración das augas das rías de Muros e Noia.

   Por último, sinalou que o 2017 foi un dos mellores anos para os produtos do sector primario, tanto en produción vitivinícola, láctea, cárnica ou no referido á pesca. Ao fío disto, precisou que no sector cárnico o número de toneladas subiu un 6% con respecto a 2016, a facturación no sector lácteo incrementouse entre un nove e un 10% e no sector vitivinícola a produción subiu un 3%.