SANTO ESTEVO (OURENSE)/SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 (EUROPA PRESS)
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, indicou que está interesado en "abrir unha axenda económica" coa súa viaxe a Cuba, anunciada para o segundo semestre do ano, así como mostrar "respecto e apoio" á colectividade de galegos e descendentes que reside na illa.
En declaracións aos medios tras participar na inauguración da central hidroeléctrica de Santo Estevo II, Feijóo explicou que na anterior lexislatura esta viaxe "non "puido ser" porque "había outras prioridades". Entre os motivos para facelo agora están que "hai unha colectividade en Cuba moi importante", posto que "moitos netos de galegos" adquiriron a nacionalidade española.
"Interésanos abrir unha axenda económica con Cuba e os contactos co embaixador e o cónsul en Cuba acreditan que a visita pode ser unha visita non só de respecto e apoio ao colectivo de galegos, senón unha axenda económica", expuxo e indicou que este segundo punto é o que busca "sempre" para "complementar" as súas visitas ao exterior.
"APERTURA ECONÓMICA"
Na mesma liña, o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea (UE), Jesús Gamallo, subliñou, en declaracións a Europa Press, que Feijóo planificará esta viaxe "en coordinación co Ministerio de Asuntos exteriores e que un dos seus eixes fundamentais será coñecer as necesidades dos galegos que residen en Cuba.
Ademais, manifestou que aproveitará a súa visita institucional para buscar as "oportunidades de negocio" que poida ofrecer Cuba "nun momento da súa historia no que se enxerga certa apertura económica". "Hai ámbitos nos que queremos saber cáles son os plans de futuro para detectar se hai algunha oportunidade de futuro e aproveitala", resolveu o alto cargo.