Feijóo e Galán coinciden en pedir un marco "estable" para as renovables e que se potencien as eficientes

Acto de inauguración de la central Santo Estevo II de Iberdrola, en el Sil
EUROPA PRESS
Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 22 mayo 2013 21:19

Iberdrola decidirá se mantén o proxecto da estación hidroeléctrica de Santa Cristina cando remate a obra de San Pedro

SANTO ESTEVO (OURENSE), 22 (EUROPA PRESS)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o da compañía enerxética Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, coincidiron este mércores en reclamar ao Goberno central un marco "estable" para as enerxías renovables e en pedir que se potencien as fontes eficientes.

Durante a inauguración da central hidroeléctrica Santo Estevo II, no río Sil, entre os municipios de Nogueira de Ramuín (Ourense) e Sober (Lugo), o xefe do Executivo galego pediu que a corrección do déficit tarifario non faga esquecer que "é necesario un marco estable e razoable" para os investimentos enerxéticos e pediu "seguir favorecendo as enerxías renovables eficientes", que son "as que non necesitan subvención e non producen déficit".

Neste sentido, destacou que o 53% da enerxía producida en 2011 por Galicia era de orixe renovable e, no caso da hidráulica, é a segunda comunidade, por detrás de Castilla e León, en produción. A Xunta, afirmou, traballará para manter "o liderado" nesta materia e para promover as renovables eficientes.

O "petróleo de Galicia", dixo, é o vento, a auga e a biomasa. Por iso, apostou por potenciar a enerxía obtida destes elementos e defendeu que "o motor da enerxía é tamén o motor industrial".

Despois do acto, preguntado sobre a reforma enerxética, o máximo responsable de Iberdrola considerou que "se tomaran unha serie de decisións equivocadas" en España e en Europa que levaron á realización "duns investimentos masivos en tecnoloxías moi pouco eficientes e moi custosos", que provocaron "un déficit absolutamente terrorífico". "Teñen que buscar unha saída e están a facer o posible para facelo", asegurou e manifestou que son necesarios cambios para "ter unha situación fiable e estable".

Sen ese "marco predicible, estable e razoable" non se pode crear riqueza e emprego, que "é o que este país necesita", argumentou Galán e destacou que o sector enerxético se propón ser "un motor da economía". Como exemplo, subliñou que Iberdrola ten uns 13.000 empregados, pero ao seu "arredor" hai outros 60.000 traballadores. Nos "últimos anos da crise", apuntou, a empresa creou 5.300 empregos.

TRANSICIÓN A "UNHA SITUACIÓN DE LIMPEZA"

O presidente da Xunta analizou, polo seu lado, que o Goberno se"atopou" unha débeda acumulada no sector que rolda os 29.000 millóns de euros e "un grave problema na competitividade". O Executivo central "ten unha tarefa moi complexa" para lograr diminuír esa débeda e as subvencións á enerxía, co fin de que esta sexa "máis barata" e a economía gañe competitividade.

"O Goberno está a facer unha transición dende unha situación de débeda masiva a unha situación de limpeza", defendeu e considerou que, cando o prezo da enerxía se estabilice, é necesario apostar polas alternativas "eficientes, que son as que necesitan menos subvención".

Ao fío diso, dixo "entender a dificultade que ten o Goberno neste momento", pero incidiu en que "o horizonte ten que ser cara ás enerxías eficientes, con menos subvencións e a enerxía máis barata para facer máis competitiva a economía".

O PROXECTO DE SANTA CRISTINA

Unha vez concluída a construción da central de Santo Estevo II, ideada para obter enerxía da auga que as instalacións iniciais non podían asumir, Iberdrola traballa agora na ampliación da de San Pedro (máis pequena). A seguinte na cadea é a estación de bombeo que a empresa proxecta construír en Santa Cristina, pero Galán indicou este mércores que ata que non finalicen as obras de San Pedro, que están a punto de comezar, non tomarán a decisión sobre esta última intervención.

"Iremos fase por fase; o primeiro era Santo Estevo, logo San Pedro e no futuro estaremos a falar de Santa Cristina", expuxo e, preguntado acerca de se estuda a posibilidade de pospoñer as obras desta última estación, o presidente de Iberdrola insistiu en que están "centrados" en San Pedro.

"O outro farémolo a continuación ou non o faremos a continuación en función das circunstancias, pero neste momento non é o proxecto no que estamos involucrados", resolveu.

SANTO ESTEVO II

A estación de Santo Estevo II, que funciona dende decembro de 2012, ten unha potencia de 176,9 megavatios, que se unen aos 264 da central orixinal. A construción foi subterránea e as instalacións aloxáronse nunha caverna baixo terra co fin de "integrala no ámbito" natural, que son os canóns do Sil.

A inversión alcanzou os 127 millóns de euros e as obras prolongáronse algo máis de catro anos, dende setembro de 2008 a decembro de 2012. Trátase, actualmente, do "maior complexo hidroeléctrico de Galicia" e dará traballo a partir de agora a unha vintena de persoas (nas obras traballaron 300).

No seu discurso de inauguración, precedido da actuación do grupo de gaiteiros da Deputación de Ourense e dun acto conducido polo bispo de Ourense, Galán destacou que nos últimos dez anos Iberdrola inverteu 1.100 millóns de euros en Galicia e realizou compras a máis de 200 empresas galegas por máis de 1.200 millóns.

"O noso propósito é seguir apoiando á sociedade galega do mesmo xeito que o fixemos ata agora, exercendo un efecto tractor sobre o seu tecido empresarial", proclamou Galán. Feijóo contestou ao presidente de Iberdrola agradecendo o seu interese na comunidade. "Non te equivocarás cada vez que invertas en Galicia e deas traballo a empresas galegas porque Galicia responde sempre con confianza e solvencia", díxolle.

Contenido patrocinado