Feijóo responderá no próximo pleno sobre violencia machista, usos do monte e financiamento de servizos

Contador
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no pleno
CONCHI PAZ/XUNTA
Actualizado 14/11/2017 16:42:55 CET

Alfonso Rueda comparecerá para abordar "propostas de coordinación" en materia de emerxencias

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 Nov. (EUROPA PRESS) -

O pleno que o Parlamento acollerá a semana próxima será o escenario no que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, deba responder ao BNG sobre a necesaria "priorización política" da loita contra a violencia de xénero; ao PSdeG, acerca da "ausencia" de elementos de mobilización da propiedade agrogandeira e forestal; e a En Marea, ao redor da caída de recursos para financiar os servizos públicos.

Diso deron conta os distintos portavoces na rolda de prensa posterior á reunión para fixar a orde do día da próxima sesión plenaria ordinaria, que comezará un día despois da concibida para o debate de totalidade dos orzamentos.

Así, o luns someteranse a votación as emendas de devolución das contas da Xunta para o ano 2018 que presentaron tanto En Marea como PSdeG e BNG. A continuación, veranse as achegas dos grupos de carácter parcial ou transversal e a admisión a trámite da lei de acompañamento.

Xa o martes, o pleno ordinario arrincará coa comparecencia do vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, para analizar "propostas de coordinación" en materia de emerxencias.

Non acudirá á Cámara, por tanto, a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, como pedira a oposición en bloque, a fin de que rendese contas sobre a imputación do seu director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto. Un día máis, o tres grupos pediron a súa destitución, tanto pola investigación xudicial ao redor da adxudicación dos helicópteros contraincendios como pola súa "nefasta" política forestal.

INCENDIOS

En paralelo á comisión de estudo sobre incendios e política forestal que foi aprobada este martes, tanto socialistas como nacionalistas introducirán distintas cuestións relacionadas coa vaga de incendios do pasado mes de outubro nesta sesión plenaria.

Pola súa banda, o Bloque exporá, entre outras 15 medidas, unha moratoria na plantación de eucalipto baseándose en que xa ocupa o dobre da superficie estimada no Plan Forestal; mentres o PSdeG preguntará sobre o procedemento de contratación de helicópteros que está a ser investigado pola Xustiza.

VIOLENCIA DE XÉNERO

Ademais, dada a proximidade das datas do pleno co 25 de novembro, Día internacional para a eliminación da violencia de xénero, este asunto non só capitalizará a pregunta do Bloque ao presidente, senón que todos os grupos sacarano a colación.

Ao fío diso, toda a oposición volveu a pedir a retirada da campaña da Xunta para esta efeméride, por entender que abunda na "cosificación" da muller. "É de sabios rectificar", sinalou a líder do Bloque, Ana Pontón, quen pediu ao Goberno galego que "non se confunda de adversario" nesta materia.

Mentres tanto, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, rexeitou "cicatería" á hora de atender ás mulleres en situación de risco e pediu "maior dedicación" da Xunta para cumprir as conclusións do Pacto de Estado.

Por último, o representante de En Marea, Luís Villares, sinalou que a Xunta "se equivoca unha vez máis" no discurso fronte á violencia machista, como fixo ao "avalar" ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, no caso do que foi absolto por, supostamente, ofrecer un posto de traballo a cambio de sexo.

E, crítico cun cartel que custou 164.000 euros aínda que "non ten ningunha mensaxe", reprobou que se "compare á muller con cousas, por grandes que sexan". Toca falar, dixo, de "humanización, igualdade, empoderamento...".

Así mesmo, o PPdeG, como avanzou o seu portavoz parlamentario, Pedro Puy, presentará diversas iniciativas para requirir á Xunta que "incentive" a participación e a colaboración dos entes locais nas tarefas de "prevención" e "sensibilización" de toda a sociedade fronte á violencia machista.

CATALUÑA E CONSTITUCIÓN

Noutra orde de cousas, o BNG pedirá que o Parlamento condene a "aplicación ilegal e abusiva" do artigo 155 da Constitución en Cataluña, pois --dixo-- "o que está en xogo é a democracia".

Por parte do PPdeG, reclamarán á Xunta que promova iniciativas para conmemorar o 40 aniversario da Constitución, así como que se some á programación posta en marcha por diversas institucións.

Finalmente, o grupo rupturista pedirá crear unha oficina antifraude que permita recoller denuncias e os socialistas reivindicarán a mellora das condicións laborais dos traballadores da sanidade pública.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para analizar su navegación y ofrecerle un servicio más personalizado y publicidad acorde a sus intereses. Continuar navegando implica la aceptación de nuestra política de cookies -
Uso de cookies