Feridas dúas persoas en senllos atropelos en Ferrol e tres mozos ao envorcar un vehículo en Pontevedra

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 10 febrero 2012 11:17

SANTIAGO DE COMPOSTELA 10 Feb. (EUROPA PRESS) -

Dous homes resultaron feridos en senllos atropelos rexistrados na noite do xoves na localidade de Ferrol e tres mozos de entre 18 e 20 anos ao envorcar un vehículo no municipio de Pontevedra.

Un dos atropelos tivo lugar sobre as 22.00 horas do xoves na rúa Pumariño de Ferrol, segundo os datos facilitados polo 112 a Europa Press.

O 061 desprazou ao lugar unha ambulancia medicalizada que atendeu in situ a un varón de 42 anos, J.A.R.V., que presentaba contusións, polas que foi derivado ao hospital, segundo sinalaron fontes sanitarias.

Previamente, sobre as 20.20 horas, sucedeu outro atropelo diante da escola de propulsión, na zona da Avenida de Esteiro a Caranza, en Ferrol. Ao punto acudiu unha ambulancia asistencial que levou ao ferido, F.M.R., de 68 anos, ao Hospital Arquitecto Marcide.

XIRO

Sobre as 21.20 horas do xoves tamén aconteceu outro sinistro que se saldou cun turismo envorcado na entrada do lago Castiñeiras, en Pontevedra.

Unha ambulancia asistencial levou ao hospital pontevedrés Domínguez a tres feridos, unha moza de 18 anos e dous varóns, C.C.L. e A.A.C., ambos os dous de 20 anos de idade.

Contenido patrocinado