SANTIAGO/VIGO 4 Feb. (EUROPA PRESS) -
Un mozo de 29 anos de idade resultou hoxe ferido nun accidente de tráfico rexistrado no termo municipal de Muros (A Coruña), mentres que outras dúas mulleres sufriron lesións de diversa consideración en senllos sinistros con motos implicadas en Vigo.
O primeiro dos sinistros aconteceu sobre as 3.30 horas na rúa Rosalía de Castro de Muros, no quilómetro 40,200 da estrada AC-550, segundo os datos facilitados hoxe a Europa Press polo 112.
Ao lugar acudiu unha ambulancia asistencial para atender ao ferido, J.R.R.F., de 29 anos, que foi trasladado a un centro hospitalario cunha posible fractura nun brazo, segundo indicaron fontes sanitarias.
Sobre as 6.15 horas sucedeu un accidente de moto fronte ao número 32 da rúa Padre Seixas, en Vigo, no que unha muller de 33 anos resultou ferida nunha perna e foi levada en ambulancia asistencial ao Hospital Xeral.
Na cidade olívica, ademais, tivo lugar ás 9.00 horas unha colisión entre unha moto e un coche na confluencia das rúas Puerto Rico e Vicente Risco, que se saldou cunha muller lesionada nun brazo e unha perna e foi trasladada en ambulancia asistencial á Clínica Fátima.
Por outra banda, a saída de vía dun vehículo acontecida sobre as 7.30 horas na estrada AC-11 saldouse sen feridos no municipio de Oleiros (A Coruña), aínda que tiveron que mobilizar unha pluma para sacar o vehículo, que se atopaba nunha zona de difícil acceso, xa que a grúa non o puido retirar.
Foi o condutor dun camión o que alertou da presenza do vehículo accidentado, de cuxo interior saíu o ocupante polo seu propio pé, segundo sinalaron fontes de Protección Civil de Oleiros, e non precisou asistencia sanitaria.