O fiscal superior aposta por reformar o proceso civil para resolver "conflitos de masa" como as preferentes

Actualizado: jueves, 24 abril 2014 21:01

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 Abr. (EUROPA PRESS) -

O fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, apostou por reformar o proceso civil tradicional e establecer mecanismos legais que sirvan para resolver "conflitos de masa" como o das participacións preferentes.

Varela participou este xoves no acto de constitución da Asociación de Consumidores e Usuarios de Galicia (Acouga) e na súa conferencia referiuse á lei 3/2014 do 27 de marzo pola que se modifica o texto refundido da Lei Xeral para a Defensa dos Consumidores.

Ao seu xuízo, un dos aspectos máis relevantes do novo texto é a modificación do artigo 11 da Lei de Axuizamento Civil coa finalidade de atribuír lexitimación activa ao Ministerio Fiscal para "exercitar non só a acción de cesación, que ata agora era a única recoñecida, senón para calquera acción en defensa dos intereses difusos e colectivos dos consumidores".

Deste modo, resaltou, o Ministerio Fiscal poderá "acumular a calquera acción de cesación de práctica abusiva a de nulidade do contrato e a de restitución de cantidades que se cobraran por condicións contractuais abusivas ou non transparente, así como a de indemnización de danos e prexuízos".

Varela lamentou que esta reforma non estivese vixente cando se interpuxo a demanda colectiva de Fiscalía Superior contra Novagalicia Banco por caso de afectados por preferentes e subordinadas. A entidade, recordou, "só foi condenada por unha acción de cesación".

En calquera caso, o fiscal superior considerou que a reforma "non é suficiente se non vai acompañada dunha reforma do proceso civil tradicional". O actual, sinalou, "non está concibido para resolver conflitos de masas que comportan ofensas e abusos masivos a consumidores por parte das empresas subministradoras de servizos".

Neste momento, está ideado, insistiu, para conflitos clásicos de individuo a individuo. "Pero existen dereitos e intereses supraindividuais ou difusos no sentido de que titular non é individualizable, ou cando se trata de miles de individuos afectados ou prexudicados por unha mesma circunstancia de feito ou pola mesma relación contractual, derivada da contratación masiva", argumentou.

Por iso, cre "inaprazable" que se introduzan mecanismos eficaces de tutela colectiva para estes conflitos de masa que "eviten miles de sentenzas" por feitos esencialmente iguais".

Así mesmo, Varela manifestou que espera que se eviten efectos "indesexables" como solucións contraditorias deste tipo de conflitos ou multitude de procesos con perigo de colapso do sistema xudicial. "En definitiva o sistema non funciona co conseguinte descrédito da xustiza", sinalou.