Funcionarios en folga representan en Vigo o 'enterro' da xustiza

Funcionarios en folga representan o 'enterro' da xustiza
EUROPA PRESS
Publicado: miércoles, 14 febrero 2018 15:11

   Asistencia "masiva" ás asembleas, con traballadores vestidos de negro na da Coruña pola "falta de actitude negociadora" da Xunta

   VIGO / SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 Feb. (EUROPA PRESS) -

   O Entroido tamén se deixou sentir entre os funcionarios do sector xudicial da comunidade, que afrontan unha nova xornada da súa folga indefinida, e que levou o espírito do 'Enterro da Sardiña' a algunhas das súas protestas, por exemplo en Vigo, onde representaron o 'enterro' da xustiza galega.

   Ademais dos membros do piquete que percorreron disfrazados os xulgados, funcionarios xudiciais de Vigo optaron para a súa protesta deste mércores por realizar unha performance na que, vestidos de 'loito' representaban unha comitiva fúnebre cun cadaleito e varias pancartas co lema 'Até sempre xustiza'.

   En declaracións aos medios, Pablo Valeiras (Alternativas na Xustiza-CUT) destacou o "seguimento espectacular" na cidade olívica da folga que se iniciou o pasado mércores e cumpre nesta xornada a súa sexta xornada efectiva --dado que os xulgados non teñen un funcionamento ordinario durante a semana--, e que alcanza "un 95,5 por cento".

   O sindicalista reprobou que a Xunta siga "teimuda" en levar á xustiza "a un canellón sen saída". "Os traballadores están animados a chegar até o final; nin un paso atrás", aseverou, antes de subliñar que, cada vez que o presidente, Alberto Núñez Feijóo, ou o vicepresidente, Alfonso Rueda, falan, "os folguistas cárganse de ánimos".

   "Dámoslle as grazas a Feijóo porque cada vez que fala, o movemento é máis forte", esgrimiu.

DE 'LOITO' NA CORUÑA

   As cidades nas que, por ser festivo na pasada xornada, non se celebraron as asembleas posteriores á reunión entre o comité de folga e a Xunta do luns, fixérono este mércores, e a asistencia foi "masiva", segundo fontes sindicais consultadas por Europa Press.

   Así, na Coruña centos de persoas encheron a sala de vistas do edificio xudicial. Coincidindo coa celebración do 'Enterro da Sardiña', no marco das festas do Entroido, moitos dos traballadores de xustiza acudiron vestidos de negro en protesta pola "falta de actitude negociadora" da Xunta.

   Ademais, unha parte dos asistentes levaban tamén carteis coa foto do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, nos que se podía ler a palabra 'troleiro'.

   En declaracións aos xornalistas, o portavoz dos sindicatos convocantes, Javier Fernández, asegurou que, a pesar de certos "avances" na negociación, a proposta da Xunta non equipara as condicións dos funcionarios galegos ás de compañeiros doutras comunidades autónomas.

   En canto ao seguimento no sexto día de folga, cifrouno nun 81 por cento na Coruña, onde diariamente se suspenden 170 xuízos, segundo apuntou Fernández.