A Fundación Camilo José Cela e a Fundación Barrié crean un libro interactivo sobre a figura do Premio Nobel

Actualizado: viernes, 24 octubre 2014 18:26

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 Oct. (EUROPA PRESS) -

A directora xerente en funcións da Fundación Pública Camilo José Cela, Covadonga Rodríguez, presentou este venres o libro interactivo 'Camilo José Cela Trulock: un creador total', que versa sobre a figura do Premio Nobel padronés e foi realizada en colaboración coa Fundación Barrié.

Este volume enmárcase dentro da colección 'Máis libros, máis libres', de Educabarrié, e inclúe recursos específicos para a análise do creador e dalgunhas das súas principais obras.

Na súa intervención, os responsables de ambas as dúas fundacións destacaron que o obxectivo principal desta ferramenta é que os alumnos de ESO e Bacharelato "afonden na figura de Cela dun modo ameno e divertido", promovendo ademais "o uso das TIC nas aulas".

PROGRAMACIÓN EDUCATIVA

Así mesmo, este venres fíxose pública a programación educativa que a Fundación Cela levará a cabo ao longo deste curso escolar, que inclúe unha xornada de portas abertas para o profesorado, educadores e monitores de tempo libre.

A proposta inclúe visitas dinamizadas á exposición permanente da Fundación, así como ás visitas temporais, talleres e outras actividades que teñen como punto de partida a figura do autor.

Ao mesmo tempo, continuarase coa labor de difusión da figura do Premio Nobel nos centros escolares co proxecto 'Camiliño Josesiño vai ó cole' e co empréstito de maletas didácticas.

A sede da Fundación, situada en Iria Flavia, acolle dende este venres a mostra temporal 'José Carcía Nieto: viaxe a vela polo meu sono', coa que se pretende afondar nas diversas facetas do poeta ovetense, Premio Cervantes e Premio Nacional de Literatura, cando se conmemora o centenario do seu nacemento.