O PRAT DE LLOBREGAT (BARCELONA), 13 (EUROPA PRESS)
As tres tenistas españolas, entre elas a galega Lourdes Domínguez, que quedaron retidas a semana pasada no Líbano a consecuencia dos enfrontamentos entre membros de Hizbulá e os grupos antisirios chegaron esta tarde ao aeroporto de El Prat del Llobregat (Barcelona) dende Madrid acompañadas polo presidente da Federación Española de Tenis, Pedro Muñoz.
Lourdes Domínguez, Marta Marrero e Eva Fernández aterraron "cansas" e tras vivir momentos de "incerteza e medo" no Líbano.
As xogadoras chegaron pola mañá a Madrid procedentes de Xordania, onde foron evacuadas o pasado domingo dende o Líbano. As tenistas víronse atrapadas neste país de Oriente Medio mentres xogaban un torneo nas proximidades da capital, Bayrut.
Eva Fernández explicou que na zona onde se xogaba o torneo "non houbo enfrontamentos", pero estaban "moi nerviosas pola falta de información", xa que non sabían se "o conflito se estaba a achegar". A tenista catalá afirmou que calquera ruído os sobresaltaba. "Mesmo unha noite que fixo tormenta criamos que os tronos eran bombas", ilustrou.
As xogadoras recibían noticias "contraditorias" do que estaba a pasar en Líbano. "As televisións locais estaban censuradas e só quedou unha televisión rexional que nos dixeron que estaba distorsionada por Hizbulá", afirmou Fernández.
As tres tenistas foron evacuadas do Líbano o pasado domingo e viaxaron por estrada ata Xordania, escoltadas por membros da Garda Civil. Esta viaxe foi "o máis difícil" de todo o seu periplo, segundo Fernández, xa que ían "nunha furgoneta chea de xente e sen saber se a fronteira estaría aberta". "Vimos tanques, militares e incendios; non o esquecerei nunca", asegurou.
Pola súa banda, a canaria Marta Marrero afirmou que nin sequera cando xogaban ao tenis podían esquecer o que estaba a pasar. "Ata que non chegamos a Xordania, non se nos foi a tensión", explicou Marrero, quen engadiu que en diante o pensará "moito máis" antes de ir a un lugar como o Líbano, aínda que é un torneo que se disputa dende hai cinco anos e nunca pasara nada".
A tenista canaria afirmou que os acontecementos modificaron os seus plans de preparación do torneo de Roland Garros en París, polo que agora as tres irán "a descansar e a preparar o torneo".