En Galicia hai máis de 100.000 persoas excluídas socialmente, segundo Cáritas de Santiago

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 9 mayo 2008 14:27

SANTIAGO DE COMPOSTELA 9 May. (EUROPA PRESS) -

Na Comunidade galega existe "un núcleo duro" de máis de 100.000 persoas excluídas socialmente e o número de xente que vive cuns ingresos por debaixo da metade da media -indicador de pobreza- chega case ao medio millón, segundo as estimacións de Cáritas Interparroquial de Santiago.

Esta entidade presentou a 'XV Xornada de Solidariedade cos Parados', que se celebrará mañá na capital de Galicia coa tradicional 'Concentración-Recital de Solidariedade' ás 20.00 horas na Praza do Toural, coa actuación do cantautor madrileño Rafa Sánchez.

O responsable de Emprego de Cáritas de Santiago, Miguel Fernández, tamén se referiu ao documento 'Unha análise da Precariedade Laboral. Alternativas e propostas' e denunciou que a precariedade "afecta a toda a sociedade", pero "de xeito especial" a certos colectivos, entre os que incluíu aos inmigrantes e ás mulleres, pois estas son as depositarias "de case o 70 por cento dos contratos a tempo parcial".

Para esta institución, o salario mínimo interprofesional, referencia para fixar moitas outras prestacións e indicadores, "debe aumentar dos 600 euros mensuais actuais ata os 850 ou 900". Ademais, insiste na conveniencia de fixar unha "renda básica de cidadanía", que considera "unha alternativa moi eficaz para mellorar o modelo de benestar social e rompería unha boa parte da economía encuberta".

Ademais, reclama un cambio no Réxime Especial das Empregadas do Fogar para que teñan os mesmos dereitos que o resto de traballadores e poidan contar "cunhas retribucións mínimas e dignas". Miguel Fernández criticou que haxa inmigrantes "internas" nunha casa por 500 euros ao mes.

EXPLOTACION LABORAL.

Neste sentido, a directora de Cáritas Interparrroquial de Santiago, Amelia Pereira, denunciou "casos de explotación" de persoas doutros países na capital de Galicia e demandou a implicación de toda a sociedade para evitar que se produzan actuacións deste tipo. Por iso, outra das peticións deste organismo é un cambio na Lei de Estranxeiría para que non se dean situacións de irregularidade administrativa e de explotación laboral derivadas desta.

En 2007 esta institución atendeu 490 novas persoas, un 75 por cento delas inmigrantes ou emigrantes retornados e xestionou 410 ofertas de traballo directas, sobre todo de emprego doméstico e axuda a domicilio, limpeza, hostalaría, construción, almacén e condutores, con 203 colocaciones.

Contenido patrocinado