Galicia rebaixa un 23,5% o tempo medio de pago a provedores en febreiro, ata 15,8 días

Publicado: lunes, 24 abril 2017 18:18

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 Abr. (EUROPA PRESS) -

Galicia rebaixou en febreiro un 23,5% o tempo medio de pago a provedores, ata situalo en 15,78 días, o que supón 10,2 menos que a media autonómica, segundo os datos que publica este luns o Ministerio de Hacienda.

Desta forma, segundo destaca a Consellería de Facenda nunha nota de prensa, a comunidade "mantense un mes máis como unha das que mellor atende aos seus provedores, axilizando os pagos e evitando problemas de liquidez ás empresas que prestan servizo á administración".

En concreto, Galicia é a quinta autonomía de réxime común que fai con máis axilidade os seus pagos. En comparación con xaneiro, o período medio de pago é 4,8 días máis baixo (era de 20,63 días).

O informe mostra que catro comunidades autónomas incumpriron o segundo mes do ano o tempo máximo de pago de 30 días que establece a lexislación.

En canto á débeda comercial, o cociente de débeda/PIB de Galicia en febreiro baixou ata o 0,40%, mellor que a media autonómica (0,52%). A comunidade reduciu este indicador un 20,5% respecto de xaneiro ao baixar ata os 239 millóns, segundo sinala Facenda a partir dos datos do ministerio.