Galicia rexistra o seu terceiro día de choivas cos valores máis altos no sur de Pontevedra

Temporal en Santiago, choiva, temporal, paraugas, vento
EUROPA PRESS
Actualizado: viernes, 24 noviembre 2017 20:08


   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 Nov. (EUROPA PRESS) -

   A Comunidade galega rexistra o seu terceiro día consecutivo de choivas, pero esta fin de semana irase recuperando a influencia do anticiclón, polo que, por agora, non son suficientes as precipitacións para paliar a seca xa provocou restricións e que, de maneira singular, ten consecuencias no sur da provincia de Pontevedra.

   Precisamente, os valores máis altos de precipitacións rexistrados este venres foron nesa zona. Así, nas estacións de Meteogalicia que se atopan por baixo dos 900 metros, as de Tui, Oia, Salvaterra de Miño e Arbo son as que maiores valores de auga acumulada rexistraron.

   A estas estacións, hai que sumar a de Entenza, no municipio pontevedrés de Salceda de Caselas, aínda que tamén a estación ourensá de Entrimo rexistrara até as 18,00 horas valores altos con respecto a outros días.

   Concretamente, con datos das 20,00 horas, a estación do Monte Aloia, en Tui, rexistrou 76,7 litros por metro cadrado, o acumulado máis alto na xornada deste venres en Galicia. Castro Vilacudo, en Oia, sumou 47,3 litros por metro cadrado; Meder, en Salvaterra do Miño, 40,4 litros por metro cadrado; e Cequeliños, en Arbo, 40 litros por metro cadrado.

   Se saltamos ás estacións por encima dos 900 metros, Xurés, en Muíños (Ourense), rexistrou 36,4 litros por metro cadrado, o valor acumulado máis alto. Ademais, no Alto do Rodicio, en Maceda (Ourense), contabilizáronse 29,3 litros por metro cadrado; pero foi superada nas últimas horas pola estación de Ou Invernadeiro, en Vilariño de Conso, con 31,2 litros por metro cadrado.

   Ademais, no Cebreiro, no municipio de Pedrafita do Cebreiro (Lugo), contabilizáronse 23,5 litros por metro cadrado; e en San Xoán de Río, en Ourense, o acumulado alcanzou os 23,1 litros por metro cadrado.

   Estes foron os valores extremos recompilados até as 20,00 horas este venres por Meteogalicia, que depende da Consellería de Medio Ambiente, nunha xornada na que o refacho máis alto 76,2 quilómetros por hora na estación de Carballeda de Valdeorras (Ourense), fronte aos máis de 140 quilómetros hora rexistrados o pasado mércores, en plena alerta meteorolóxica.

   Fontes da Consellería de Medio Ambiente explicaron en días pasados a Europa Press que é necesario que chova "con continuidade e constancia", aínda que as choivas da segunda metade da xornada do mércores e da madrugada do xoves deixaron cantidades "significativas", con máis precipitación en Pontevedra e o sur da Coruña e menos no sueste de Ourense, conforme avanzou a fronte.