Actualizado: jueves, 3 septiembre 2015 20:37

LUGO, 3 Sep. (EUROPA PRESS) -

   Parte dos gandeiros que participaron na tractorada convocada este xoves en Lugo para denunciar os baixos prezos do leite decidiron manter a protesta ata mañá, de forma que un grupo dos centos de vehículos que colapsaron durante as últimas horas o centro da cidade permanecerán aparcados na Rolda da Muralla ata o mediodía do venres.

   Segundo sinalou a Europa Press Javier Iglesias, de Unións Agrarias, esta non é unha decisión unánime e existen discrepancias sobre a medida, de forma que unha parte dos 1.500 tractores que participaron na protesta continuarán aparcados na Rolda da Muralla -cun espazo para emerxencias-.

   Os tractores, que partiron da explanada do campo de fútbol Anxo Carro, concentráronse na súa maioría nos dous carrís habilitados na rolda arredor da muralla romana de Lugo.

   Pouco despois das 13,30 horas arrancou, dende a delegación da Xunta na rolda da muralla, unha manifestación secundada por unhas 5.000 persoas, que clamaron contra os baixos prezos que se aboan polo leite en Galicia. Aínda que esta mobilización estaba prevista que finalizase pola tarde continuará ata mañá por unha parte dos asistentes.

   Por outro lado, un grupo de gandeiros concentráronse cos seus tractores nas inmediacións da planta de Leite Río no polígono de O Ceao, en Lugo. Ao respecto, o propietario da empresa, Jesús Lence, explicou a Europa Press que non houbo problemas para entrar e saír da fábrica.