O goberno local de Lugo expresa o seu respaldo ao alcalde e trasmite que están "tranquilos"

Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 22 mayo 2013 22:59

LUGO 22 May. (EUROPA PRESS) -

O goberno local no Concello de Lugo expresou este mércores o seu apoio ao alcalde, José López Orozco, ante a súa imputación na 'Operación Pokémon' e tras as últimas informacións que transcenderon do sumario sobre supostos subornos, ao tempo que indicaron que están "tranquilos".

O voceiro do goberno municipal, Luís Álvarez, reprochou, ademais, as manifestacións do martes do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, que emprazaba o alcalde a colaborar coa Xustiza para aclarar canto antes a súa situación.

Para Álvarez non se pode "ser máis atrevido, nin máis ignorante", sobre "se nalgún momento, alguén dubidou da intención de Orozco de colaborar coa Xustiza". "Xa non digo que non viva noutra comunidade autónoma, é que non pisa o mesmo globo terráqueo que o resto dos mortais", lamentou.

O tamén concelleiro de Urbanismo dixo que xa lle "gustaría" que outros representantes do PP, partido ao que pertence Rueda, segundo recordou Álvarez, tivesen esa "mesma" disposición exhibida e demostrada polo alcalde de Lugo.

Así mesmo, a concelleira de Benestar, Ana González Abelleira, asegurou que todo o grupo "está tranquilo, porque é o que transmite o alcalde". "El está tranquilo, que sabe o que fixo e que non ten dúbida de que todo vai saír ben e ten que saír ben porque non hai nada que esconder", sostivo.

"Unha vez concluído todo este proceso, xa somos dos concellos máis transparentes, serémolo máis e sairemos airosos disto", concluíu Abelleira, á espera do recurso que presentarán os avogados de Orozco contra a ampliación do segredo de sumario por parte da xuíza instrutora da 'Pokémon'.

Contenido patrocinado