O 'Gordo' deixa en A Coruña catro millóns en dez décimos premiados, o último vendido hai tres días

Actualizado: lunes, 22 diciembre 2014 17:21

Un dos afortunados, tío do responsable da administración agraciada, móstrase "feliz" e asegura que o repartirá entre os seus fillos

A CORUÑA, 22 Dic. (EUROPA PRESS) -

O número 13.437, premiado co 'Gordo' no Sorteo Extraordinario da Lotaría de Nadal, deixou un premio de catro millóns de euros na cidade de A Coruña, repartidos en dez décimos, o último dos cales foi vendido hai só tres días.

En concreto, os décimos foron adquiridos na administración número 21 da cidade, situada na Avenida de Hércules, onde este luns se viviron momentos de entusiasmo e euforia.

Tras decatarse da noticia, ante os medios, o titular da administración, Manuel Mahía, mostrouse "encantado" de repartir este premio na administración que rexenta e que leva traballando dende hai tres anos. Segundo comentou, todos os décimos se venderon a través de portelo "dende o mes de agosto".

COMPRADO "HAI TRES DÍAS"

Non é o caso de Ángel González, tío do responsable da administración de lotaría, que comprou o último décimo que quedaba deste número fai tan só "tres días".

"Gustáballe a terminación en trece pero como non había díxenlle que quedaba un décimo que empezaba por ese número, e levouno", explicou o responsable da administración, que non sabe os que son o resto de afortunados, pero confía en que sexan veciños da zona.

Nada máis coñecerse a noticia, Ángel González, de 81 anos, achegouse ata a administración do seu sobriño para celebrar que o décimo comprado resultara premiado. Un premio, que segundo comentou ante os medios, repartirá entre os seus fillos.

"A mi non me fai falta", afirmou "feliz" este veciño coruñés, acompañado da súa muller e da súa filla, que non podían crer que o décimo que tiñan nas súas mans estivese premiado.

Mentres a celebración continuaba, con brinde incluído, Ramona, a muller de Ángel , mostraba o décimo aos medios. "Vou ir a Cuba a ver como está Fidel", chanceou a muller ao ser preguntada sobre o que fará co premio.