O grupo musical Batuko Tabanka de Burela actua hoxe no Día de Cabo Verde na Expo de Zaragoza

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 4 julio 2008 10:46

SANTIAGO DE COMPOSTELA 4 Jul. (EUROPA PRESS) -

O grupo musical Batuko Tabanka, composto por doce mulleres caboverdianas chegadas nas últimas décadas a Burela (Lugo), actuará hoxe na Exposición Universal de Zaragoza 2008, con motivo do Día de Cabo Verde neste evento.

Segundo explicou a Europa Press a vicepresidenta de Batuko Tabanka, Antonina Semdo Lopes, distintos membros diplomáticos de Cabo Verde puxéronse en contacto con elas e pedíronlles que actuasen na Expo de Zaragoza, coincidindo coa xornada dedicada a este país.

Así, este grupo, composto por 12 mulleres nacidas en Cabo Verde e afincadas na Mariña lucense dende hai décadas, interpretarán a súa música con raíces do seu país, aínda que tamén con algunha influencia da súa presenza en Galicia.

As integrantes de Batuko Tabanka dispóñense no escenario sentadas, en forma de abano, golpeando con furia e alegría as súas mans sobre un pano pregado e forrado, que colocan entre as pernas: o batuko. Os sons de percusión acompáñanse de cánticos entre os que se colan risas e desafíos.

Antonina Semdo recoñeceu que a posibilidade de estar na Expo de Zaragoza invitada polo seu país, Cabo Verde, será unha experiencia "interesante" e que se senten "orgullosas" de poder acudir. Ademais, engadiu que están invitados tamén caboverdianos procedentes de zonas de España nas que viven, como Burela, León, Madrid e outros lugares.

Contenido patrocinado