Un home sofre queimaduras en Moaña ao tratar de apagar unha pota que lle quedou no lume

Publicado 13/03/2018 09:38:12CET

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 13 Mar. (EUROPA PRESS) -

Un home resultou ferido por queimaduras na madrugada deste martes ao tratar de apagar unha pota que lle quedou no lume nunha vivenda en Moaña (Pontevedra).

Segundo informa o 112 Galicia, o suceso rexistrouse ás 4,00 horas desta madrugada nun domicilio situado na Avenida de Cangas. Ao parecer, o afectado quedou durmido coa pota ao lume e decatouse ao ver o espazo cheo de fume.

Os efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento do Morrazo aclararon que, á súa chegada, había fume acumulado na cociña, pero non chegou a producirse un incendio.

Foi un familiar quen se puxo en contacto co 112 para pedir asistencia médica para o afectado, que resultou queimado nas mans cando trataba de trasladar a pota ao baño e tratar de sufocar alí o lume. O home necesitou ser trasladado de urxencia.