O hospital Clínico de Santiago é designado como centro de referencia para a atención de enfermidades raras

Unidade do CHUS de atención a enfermidades metabólicas hereditarias
SERGAS
Actualizado: viernes, 24 marzo 2017 14:31

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 Mar. (EUROPA PRESS) -

Unha unidade do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) foi elixida pola Unión Europea como centro de referencia para a atención ás enfermidades raras e complexas, en concreto, no campo de patoloxías metabólicas hereditarias.

Así, a unidade de diagnóstico e tratamento de enfermidades metabólicas congénitas da Xerencia de Xestión Integrada (XXI) de Santiago convértese na única galega en recibir esta distinción, que a agrupa xunto con outras 42 unidades de diferentes hospitais españois.

A Comisión Europea designou 23 Redes Europeas de Referencia para a atención a este tipo de enfermidades, entre as que se atopa a unidade de Santiago, dirixida pola coordinadora de neonatoloxía do CHUS, Luz Couce, e integrada por un equipo multidisciplinar de máis de 20 profesionais.

Este xoves, a xerente do CHUS, Eloína Núñez, acompañou a Couce na presentación do recoñecemento, que suporá a participación en foros e congresos para o intercambio de experiencias coas outras unidades europeas recoñecidas na rede, ademais dunha dotación económica de 200.000 euros.

Grazas á designación como Rede Europea de Referencia, a unidade do hospital compostelán participará na elaboración de guías ou en cursos de formación e intercambio de coñecemento xunto cos outros membros para desenvolver estudos clínicos, novo medicamentos, modelos de atención e ferramentas de saúde electrónica.

Núñez felicitou aos profesionais desta unidade por esta distinción, un "éxito importante" que permitirá "seguir crecendo" para avanzar nunha atención sanitaria "eficaz e de alta calidade".

EQUIPO MULTIDISCIPLINAR

Existen máis de 700 enfermidades metabólicas hereditarias, unhas pataloxías que, como explicou Luz Couce, consisten nunha alteración xenética. Delas, a máis común é a fenilcetonuria, da que existen en Galicia máis de 100 pacientes.

O equipo do CHUS para a atención destas enfermidades está composto por máis de 20 profesionais de diferentes áreas, como hospitalización, urxencias, psiquiatría e psicoloxía, neuroloxía, nutrición, dietética e laboratorio.

Actualmente teñen en seguimento a máis de 400 pacientes e, ao longo do pasado ano, diagnosticáronse 43 casos; cifra que se prevé que aumente en 2017 ata os 50.

Esta unidade, creada en Santiago no ano 1978, foi recoñecida hai dous anos polo Ministerio de Sanidad como CSUR --Centros, Servizos e Unidades de Referencia do Sistema Nacional de Saúde-- e imparte a súa propio máster en Enfermidades Metabólicas Heridatarias, único en español en todo o mundo.