Imputada a nai dun bebé e a súa parella por tentativa de asasinato ou homicidio

Actualizado: viernes, 30 enero 2015 18:15

A muller levou ao seu fillo de 10 meses a urxencias do hospital onde se lle detectaron lesións identificadas como "episodio aparentemente letal"

OURENSE, 30 Ene. (EUROPA PRESS) -

O titular do xulgado de instrución número 1 de Ourense imputou á nai dun bebé e á súa parella como posibles autores de tentativa de asasinato/homicidio nun auto no que decreta o arquivo das dilixencias para outros familiares do bebé, que declararon como imputados dende 2013.

O xuíz detalla no seu auto, os indicios que lle levaron a encadear os feitos acontecidos dende antes de marzo de 2014, cando foi ingresado no hospital. Así, considera que foi "obxecto de diferentes agresións" tanto por parte da súa nai coma da parella sentimental desta, "o que desembocou na necesidade de ingresalo urxentemente o día 20 de marzo de 2014 cunha situación clínica grave", e onde recibiu a alta o 8 de abril.

Segundo as declaracións e informes médicos recollidos en instrución, o xuíz determinou que o bebé presentaba fracturas, hemorraxias e contusións no cranio, fracturas nos brazos e pernas en diferente estado de evolución e infección respiratoria. Todo iso cualificado nun informe médico como "episodio aparentemente letal".

POR ACTOS VIOLENTOS

Ademais, segundo un informe do médico forense, tamén tiña fracturas costais, lesións na pel e hemorraxias retinianas. O xuíz aprecia como indicios as declaracións das testemuñas profesionais da sanidade que puxeron de manifesto "que as lesións sufridas polo menor só poden ser consecuencia de actos violentos".

O instrutor considerou "pouco crible" a declaración dos agora imputados ao explicar os motivos de levar ao pequeno ao servizo de urxencias en marzo de 2014 "e especialmente estraña" resultoulle a explicación da parella da nai, pois dixo "que levou ao neno a urxencias porque se lle ía" pero aínda así, en lugar de levalo directamente ao hospital, "deu un rodeo para recoller a nai".

Imputa a ambos os dous un posible delito de homicidio/asasinato (por determinar) en grao de tentativa ou subsidiariamente un delito de lesións graves. O auto acorda ademais seguir a tramitación polo procedemento de sumario pois "a pena prevista para o delito máis grave dos imputados é, como mínimo, de 15 a 20 anos de prisión" --para o caso do asasinato--.

O xuíz acordou o arquivo da causa para o resto dos denunciados, porque "ningún indicio" lle levou a pensar que tivesen intervención nas lesións "que case desemboca na morte do menor" e considera "especialmente" significativo que tanto a nai como a súa parella sentimental "recoñecesen que só eles tiñan contacto co neno", mentres que o resto dos familiares o tiñan de forma esporádica.

O auto coñecido este venres é notificado a fiscal e demais partes comparecidas, que poden presentar contra el recurso de reforma nos tres días seguintes á notificación, ou recurso de apelación nos cinco días seguintes.