O Intecmar prohibe a extracción de ameixa, berberecho e navalla na zona II da ría de Vigo

Actualizado: martes, 19 agosto 2014 19:26

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Ago. (EUROPA PRESS) -

O Instituto Tecnolóxico para o control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) prohibiu este luns a extracción de molusco infaunal --como a ameixa, berberecho e a navalla-- na zona II da ría de Vigo. Ademais, decretou a prohibición preventiva da extracción deste tipo de especies na zona I da mesma ría.

Así se recolle nas últimas resolucións do Intectmar con actualización das 14,47 e 14,48 horas deste luns, despois de que se detectasen niveis de toxicidade superiores aos legalmente establecidos.

No caso da zona I da ría de Vigo, procedeuse ao peche preventivo unha vez que a Consellería de Sanidade notificase un resultado positivo nunha mostra de autocontrol.

Ademais, na ría de Vigo permanece pechada dende o 13 de agosto deste ano a zona IV deste tipo de molusco --que vive enterrado--, data na que tamén se prohibiu a extracción en todas as zonas da ría de Pontevedra, onde só na zona II se pode extraer navalla e 'longueirón'.

Por outro lado, a extracción dos cultivos en batea permanece, na súa maioría, prohibida, coa excepción da ostra nalgúns puntos como Cambados, O Grove e Redondela.